CULTURA

Omega Brass Ensemble en concerto dentro do ciclo Música de Cámara

25/05/2012 O ciclo Música de Cámara, da Concellería de Cultura, ofrece o sábado 26 un novo concerto a partir das 20:30 horas no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión será con Omega Brass Ensemble, un dos proxectos musicais máis interesantes e inquedos dos últimos anos en Galicia. As entradas, a 6 €, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal ou o mesmo día do concerto na do Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas e ata o comezo do concerto.

Omega (Os Metais de Galicia) nace en 2008, por iniciativa de cinco músicos profesionais, todos eles instrumentistas de vento-metal, coa intención de difundir e promocionar os instrumentos de vento-metal e a música para eles composta. Os compoñentes do grupo contan cunha longa traxectoria profesional, xa que colaboraron e colaboran con formacións como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Oviedo Filharmonía, Sinfónica de Estremadura, Sinfónica de Madrid, Sinfónica de Granada, Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña, Sinfónica de Navarra, Orquestra de Cámara de Menorca, Sinfónica de Castela e León, entre outras.

Actualmente, o grupo colabora estreitamente con compositores galegos co fin de fomentar a creación musical mediante a composición de obras orixinais para este tipo de formación, para a súa estrea e difusión. Omega Brass Ensemble interpreta nos seus concertos obras estilisticamente moi variadas, dando a coñecer todo tipo de repertorios cun aire ameno e desenvolto, presentando programas destinados a todos os públicos e idades.

Compartir: