CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela Cine Classics proxectou "Gran Torino" e acolleu unha charla sobre o filme co premiado guionista Ángel de la Cruz

26/05/2012 O Centro Sociocultural de Fontiñas acolleu a penúltima proxección do programa Compostela Cine Classics’12. Exhibiuse o filme Gran Torino, de Clint Eastwodd, nunha sesión á que asistiu o alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya. Logo da proxección celebrouse unha charla sobre a película co guionista Ángel de la Cruz, director e guionista gañador de 3 Goya, o último este ano por Arrugas.

Compostela Cine Classics’12 é un programa cultural, educativo e divulgativo con actividades que van dende as proxeccións de clásicos da historia do cine, ata debates e encontros, faladoiros, obradoiros e un concerto para todos os públicos.

O programa está a permitir aos composteláns e compostelás ver algúns dos filmes claves na historia do cine. Logo e tomando un café, os asistentes ás proxeccións poden manter un coloquio con diversos expertos en cine. E todo isto de balde, ata completar aforo.

A de Gran Torino foi a penúltima proxección do programa. A última será o venres 1 de xuño no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Poderase ver Os santos inocentes, de Mario Camus.

Continuando coas actividades de Compostela Cine Classics, o CSC das Fontiñas acolle este sábado 26 de maio, ás 20:00 horas, o faladoiro interactivo Cine e Ciencia: verdades e mentiras da ciencia ficción. Impartirano David Rodríguez e David Ballesteros (Ceo Aberto).

E para clausurar o programa, a Concellería de Centros Socioculturais preparou un concerto moi especial cun grupo vocal creado especialmente para a ocasión, denominado Compostela Cine Classics. Interpretarán músicas de cine nunha actuación participativa e moi especial prevista para o sábado 8 de xuño, ás 20:00 horas, na igrexa da Universidade (praza de Mazarelos). A entrada tamén será de balde ata completar aforo.

Compartir: