MEDIO AMBIENTE E URBANISMO

O Concurso de Balcóns ábrese a todo o termo municipal na súa cuarta edición

25/05/2012 As concellarías de Medio Ambiente e de Urbanismo convocan o IV Concurso de Balcóns, que por primeira vez se abre a todo municipio. O prazo de inscrición no certame estará aberto do 29 de maio ao 6 de xuño. O xurado e o público elidirán os mellores balcóns do Casco Histórico, do resto do termo municipal e tamén dos establecementos hostaleiros.

As edís María Castelao e María Pardo animaron os composteláns a decorar os seus balcóns e a participar neste certame, contribuíndo a que "a cidade estea aínda máis bonita". Os interesados deben inscribirse entre o 29 de maio e o 6 de xuño na dirección medioambiente@santiagodecompostela.gal ou a través do Centro de Interpretación de Parques da Alameda. As bases estarán colgadas nesta páxina web.

Do 8 ao 30 de xuño, os balcóns participantes deberán exhibir o distintivo que os identificará como participantes. O xurado valorará os distintos balcóns entre o 9 e o 11 de xullo, pero tamén o público poderá emitir os seus votos, do 2 ao 7 de xullo, a través do espazo específico creado nesta páxina web, no que se exhibirán as fotografías dos balcóns a concurso.

Os premios, patrocinados pola concesionaria do mantemento de parques e xardíns, Cespa, outorgaranse en tres categorías: Casco Histórico, resto do termo municipal e establecementos comerciais e hostaleiros. Cada unha delas contará cun primeiro premio valorado en 175 euros, cun segundo de 100 euros e co premio do público, valorado tamén en 100 euros.

O xurado estará integrado polas concelleiras de Cidade Histórica e de Medio Ambiente, e por dous técnicos de cada un destes departamentos. Valoraranse aspectos como o estado de conservación, a orixinalidade, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores...

Documentos relacionados



Compartir: