URBANISMO

A delegación de competencias no perímetro azul permitirá axilizar preto de dous meses a concesión de licenzas neste ámbito

25/05/2012 A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, expresou en rolda de prensa a súa satisfacción por que a Xunta de Galicia teña atendido a súa solicitude de delegación de competencias no perímetro azul do Casco Histórico. Esta asunción municipal de competencias, segundo a edil, permitirá axilizar a concesión de licenzas neste ámbito en torno a dous meses.

Na actualidade, a concesión de licencias no ámbito de protección do chamado perímetro azul do Casco Histórico, esixía unha autorización a cargo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Isto implicaba un retraso no outorgamento do devandito permiso.

Coa delegación de competencias no Concello, estes trámites axilizaranse en torno a dous meses, o que segundo a concelleira é especialmente necesario nestes tempos de dificultades financeiras, facilitando a actividade económica de empresarios e particulares neste ámbito de protección, que comprende unha serie de rúas a carón do Casco Histórico. Cómpre lembrar que a Cidade Histórica ten o seu propio Plan Especial e nesta améndoa xa as competencias son municipais.

Esta medida supón un paso máis no principio de "eficacia administrativa", adoptada polo Departamento, apuntou María Pardo. Así, vén a sumarse á axilización dos trámites xa emprendida coa apertura do Rexistro de Urbanismo. Esta asunción de novas competencias non suporá ningún custo para o Concello, xa que os trámites serán realizados polo actual persoal municipal. As licenzas serán validadas pola Comisión Asesora do Casco Histórico.

Esta delegación de competencias formalizarase a través dunha comisión mixta entre Concello e Xunta e terá unha vixencia de dez anos prorrogables. Quedan excluídas da cesión as obras arqueolóxicas, os bens de interese cultural (BIC) e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: