CULTURA

Sumrrá celebra o seu XII aniversario cun concerto no Teatro Principal

24/05/2012 Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e LAR Legido, Sumrrá, celebran o seu 12 aniversario cun concerto no Teatro Principal dentro do ciclo Íntimo&Acústico. Será o martes 29 de maio, ás 21:00 horas, e as entradas para o concerto, 8 € anticipada e 10 € o propio día, poden mercarse nas billeteiras do recinto, abertas de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

O trío de jazz galego máis internacional, e cunha das traxectorias máis constantes e sólidas. Sumrrá fórmase no ano 2000, e nestes 12 anos deixaron atrás centos de concertos, catro discos e varias xiras internacionais que os levaron por festivais de Bolivia, Bulgaria, ou Sudáfrica. A crítica especializada desfíxose en eloxios ante un trío de jazz inclasificable, salientando a orixinalidade das súas composicións, o virtuosismo dos seus integrantes e a contaxiosa frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos. Sumrrá formouse hai 12 anos para tocar en liberdade, e niso seguen. Reinventándose en cada concerto e sorprendéndose dos resultados.

Manuel Gutiérrez estuda no Conservatorio da Coruña e complementa de forma autodidacta a súa formación con numerosos seminarios, master classes e cursos por todo o territorio nacional con xente como Bill Dobbins, Dave Schinetter, Barry Harris, Joan Enseñat, etc. Profesionalmente non para dende moi novo, realizando a súa labor como pianista, profesor, arranxista e compositor a través de formacións, estilos e latitudes xeográficas: Getxo, Madrid, Montreaux, Barcelona, Mallorca, Galicia, jazz, blues, folk, música tradicional, dixie, música de autor, bandas sonoras… Na actualidade, e xa en Galicia, é mestre na Estudio Escola de Música, e ademais de Sumrrá, forma parte de Victor Aneiros Band, Roberto Somoza Cuarteto, Marcelino Galán Quinteto, ademais de varios proxectos ca cantante Terela Gradín e outras múltiples colaboracións.

A formación de Xacobe Martínez Antelo é basicamente autodidacta, aínda que cursa estudios nos Conservatorios de Santiago e Vigo, e na Estudio Escola de Música de Santiago. Profesionalmente ten tocado dende rock, pop (Clan Moriarty, 3pies), folk e música tradicional (Mercedes Peón, Marful), blues (Victor Aneiros Band), teatro e variedades (Chévere, Banda Baliza, Ultranoites, Carlos Blanco), pero é ó jazz ó que dedica maior actividade, como demostra o traballo que realiza en Xacobe Martínez Antelo Trío e o Xacobe Martínez Antelo Quinteto, a maiores de Sumrrá. Paralelos a estes tres proxectos, está a traballar tamén en U-lo Trío, Monkillos e Pin.Cirera.Legido.Martínez, e outras múltiples colaboracións noutras bandas de jazz.

Marcelino Galán Quinteto, L.A.R. Legido, é na actualidade músico, investigador sonoro e mestre de batería, expresión rítmica e improvisación na Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela. Fórmase dende moi novo no CEDI (Centro de Encontro para o Desarrollo da Improvisación, en Madrid) encauzándose ao que será o seu principal foco de actuación e investigación: a improvisación. A súa experiencia non se limita só á música, senón que traballa con escultores, pintores, videoartistas, performers, etc… Toca en bandas como S.E.M. Big Band, Maruxa y Trío, Terela Gradín Quartet, Fat, KLK, Marcos Teira Cuarteto, Marful, Pin.Cirera.Legido.Martínez etc. É membro fundador de Parto, grupo de improvisación libre co que mantén varios frontes abertos: Huevopicoaraña (obra de percusión e voz para dúas batería) e Trancefusión (manipulación do aquófono, sistema indutor de gotas que á súa vez activan sons).

Compartir: