URBANISMO

Acométese a retirada de 28 cabinas telefónicas sen uso e de 5 paneis informativos

24/05/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta dalgunhas das accións que o Goberno municipal está a levar a cabo en materia retirada e limpeza de mobiliario no Casco Histórico e noutras zonas da cidade. Así, informou do proceso de retirada de 28 cabinas telefónicas sen uso, da limpeza e adecentamento dos buzóns de Correos e da próxima eliminación dos cinco paneis informativos de Compostela Monumental existentes na améndoa histórica.

Tras as conversas mantidas con Telefónica, vénse procedendo dende hai xa semanas á retirada de cabinas telefónicas sen uso e deterioradas. Xa se retiraron 18 en lugares como a praciña de San Roque, rúa Nova, rúa do Vilar, ou praza de Mazarelos. Ademais, eliminaranse outras dez en: avenida de Salamanca, Hórreo, A Rosa, Fernando III O Santo, República Arxentina e República do Salvador.

Polo que se refire aos cinco paneis informativos de Compostela Monumental, acordouse a súa retirada definitiva. Neste sentido, a concelleira recoñeceu a necesidade da asociación de contar cun medio de difusión da súa actividade, pero buscaranse outras alternativas.

Ademais, Correos tamén está procedendo á limpeza e pintado dos seus buzóns. Así, a modo de exemplo, citou os da praza de Cervantes e de San Roque como algúns dos que xa foron adecentados. A propósito doutro tipo de instalacións, os quioscos da ONCE, a edil informou de que se está intentando buscar un modelo homologado e exclusivo para a zona histórica de Santiago. Finalmene, animou aos veciños a dirixirse ao Concello para comunicar calquera deficiencia no mobiliario que observen.

Restauración de cruceiros e recuperación da praciña de San Roque
A concelleira de Urbanismo referiuse na mesma rolda de prensa ás actuacións que realizará o seu Departamento para restaurar á súa situación orixinal dous cruceiros declarados Ben de Interese Cultural (BIC), o de Casas Novas e o de Pardaces de Arriba (A Peregrina).

No caso do cruceiro das Casas Novas, este perdera hai anos a súa cruz polo impacto dun vehículo. Ademais, a base foi desprazada, constituíndo mesmo un problema de seguridade que os veciños do barrio levan anos denunciando e motivando tamén un expediente de Patrimonio. O Concello vai acometer a reparación deste ben cultural, investindo 24.670 euros.

Respecto ao cruceiro de Pardaces de Arriba, María Pardo denunciou que o mesmo, tamén declarado como BIC, fora trasladado de ubicación sen o preceptivo permiso de Patrimonio e que foi restaurado sen respectar o seu aspecto orixinal, cambiando a súa base de pedra orixinal por outra de pedra labrada. Agora vaise devolver o cruceiro ao seu lugar e aspecto orixinal, cun investimento previsto de 4.991 euros.

O Concello tamén está a recuperar a praciña de San Roque. Arranxado o buzón e a cabina, restaurarase a fonte, repoñendo os elementos perdidos hai anos e volvéndoa a dotar de auga.

Renovada declaración como Cidade Patrimonio
A concelleira insistiu no bo labor de conservación do patrimonio que se vén realizando dende hai anos en Compostela e que se mantén na actualidade. Boa proba disto é a recente renovación do texto da declaración de Santiago como cidade Patrimonio da Humanidade. No mesmo pódese ler: "A Cidade Vella de Santiago de Compostela amosa un magnífico estado de conservación. As políticas de rehabilitación preservaron os monumentos e edificios que forman este conxunto, onde os elementos de arquitectura civil e relixiosa da Idade Media, o Renacemento e os séculos XVII e XVIII están integrados nunha fábrica urbana de alta calidade. A Cidade Vella é un lugar vivo onde os habitantes e os negocios coexisten co turismo. O desenvolvemento urbano respectou espazos naturais onde o verde campo galego se integra na cidade histórica. A este respecto, a área incluída na lista do Patrimonio Mundial integra dun modo perfecto o conxunto urbano, carballeiras históricas e espazos verdes libres".

Sobre esta cuestión, o técnico Jesús Curros explicou que esa nova redacción da declaración foi solicitada pola UNESCO a todas as cidades Patrimonio, co obxecto de adaptalas aos seus sistemas actuais. O texto foi aprobado pola propia UNESCO e polo Ministerio de Cultura.

Tamén apuntou que é intención do Concello mellorar a delimitación da área declarada como Patrimonio da Humanidade. Así, o texto recolle a inclusión na mesma de San Lourenzo, pero non así a cartografía. En febreiro de 2013 solicitarase que esta zona tamén figure na declaración.

A Pulleira
A concelleira tamén se referiu a algúns dos asuntos tratados na última Comisión de Urbanismo, na que destacou o feito de que os nove puntos da orde do día foron aprobados por unanimidades. Entre as cuestións das que se falou está o do polígono SUD-4 da Pulleira.

María Pardo amosou a disposición municipal a dialogar cos propietarios (existen varias cooperativas constituídas) para intentar "facer viable" esta superficie residencial. "Podemos axudar, aínda que non deixa de ser unha iniciativa privada", indicou a edil, recoñecendo que o sistema de expropiación "agora non é viable".

Compartir: