BENESTAR SOCIAL

O Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte impartiu unha charla sobre deberes e dereitos educativos dos pais e nais

24/05/2012 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte – Servizos Sociais impartiu unha charla baixo o título Dereitos e deberes dos pais e das nais no eido da educación a as súas consecuencias na práctica. Tratábase da última das sesións programadas no marco dos obradoiros Familia e Escola, realizados durante todo o mes de maio na Casa das Asociacións de Benestar Social e encadrados dentro do Programa Municipal de Intervención Sociofamiliar da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego.

O obxectivo principal desta xornada era o de informar aos pais e nais das obrigas e dereitos que en referencia aos proxenitores se recollen na nosa lexislación. En particular, falouse das obrigas dos pais e nais na escolarización e procura dunha formación integral do menor ou da menor, explicando tamén situacións abordadas nas nosas leis como o absentismo, o abandono temperá da ensinanza ou a desescolarización e as súas consecuencias. Ao redor destes temas xerouse un interesante debate sobre as diferentes situacións que se poden presentar e sobre as posibles solucións ante eses casos. Dezaoito persoas participaron na xornada.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: