ECONOMÍA

As empresas de Santiago xa poden inscribirse na xornada Getting Contacts!

23/05/2012 O martes 19 de xuño celebrarase a primeira Xornada de Cooperación Empresarial Getting Contacts! de Santiago de Compostela, dentro do programa Santiago Investors Support da Concellería de Economía. A Xornada ten coma obxectivos fortalecer as empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios de outras poboacións e abrir as portas a novas inversións.

A organización das xornadas, que ten experiencia en máis de cen eventos destas características por toda España, nos que teñen participado máis de 7.000 persoas, garante que cada participante poderá entrevistar cun mínimo de dez empresarios con intereses comúns para atopar novos clientes e provedores, novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial ou atopar potenciais inversores.

A Xornada celebrarase o martes 19 de xuño pola mañá no Hotel AC Palacio del Carmen. A inscrición é gratuíita e pode tramitarse na páxina www.gettingcontacts.com. Nesta web hai que cubrir o formulario de inscrición do xeito máis preciso posible para que se poidan fixar as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

Ademais, o programa Santiago Investors Support desenvolverá tamén unhas xornadas de formación en "Técnicas de sedución comercial para vendedores". Estas xornadas están destinadas a profesionais e emprendedores que teñen como obxectivo comercializar os produtos ou servizos dunha empresa. A xornada é gratuíta. Haberá tres grupos, que se distribuirán ao longo do mes de xuño. A inscrición pode facerse en www.maiscompostela.org.

Compartir: