FACENDA

O Concello subscribe os préstamos por 12,7 millóns de euros para o pago a provedores

23/05/2012 O Concello subscribiu con diferentes entidades bancarias os contratos de préstamo da liña ICO para facer fronte ao pago aos provedores con facturas pendentes a 31 de decembro de 2011, segundo o mecanismo establecido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O importe do total é de 12.733.132 euros, repartidos, segundo os criterios marcados polo Instituto de Crédito Oficial entre 11 entidades que operan na cidade.

Segundo indicou a concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, mediante esta inxección de liquidez "os provedores poderán cobrar as débedas pendentes co Concello anteriores ao 1 de xaneiro de 2012 sempre que se acolleran ao certificado emitido polo Concello e aprobado en sesión plenaria o 14 de marzo, así como os posteriores certificados individuais presentados polos provedores e cuxas facturas quedaran fóra do certificado xeral, pero que consideraban que tiñan dereito ao cobro das devanditas facturas".

En consecuencia, afirmou a edil, "case 13 millóns de euros serán inxectados na sociedade compostelá entre familias, empresas, PYMES e autónomos, que neste momento viven unha situación de precariedade e de asfixia económica sen precedentes". Recordou que a cantidade inicial barallada polo Concello era duns 15 millóns de euros, "dentro dun criterio de prudencia á hora de presupostar e de adaptarse ao Plan de Axuste aprobado recentemente".

"Esta operación de crédito era a única posibilidade coa que contaba o Concello para facer fronte ás obrigas de pago pendentes cos provedores, posto que a situación orzamentaria municipal contemplaba un remanente líquido de tesourería negativo de 2,6 millóns de euros", explicou Cecilia Sierra.

Compartir: