BENESTAR

O Cersia acolleu a presentación pública da Asociación para a Promoción da Intelixencia Competitiva en Galicia

23/05/2012 O edificio Cersia, en San Lázaro, foi o escenario escollido pola Asociación para a Promoción da Intelixencia Competitiva en Galicia (ASPICGA) para presentarse publicamente.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, abriu a sesión, na que a presidenta de ASPICGA, Rosa Freire, presentou a asociación e os seus obxectivos. A continuación, deuse a coñecer o plan de actuación para o período 2012-2013 e constituíronse os grupos de traballo.

En palabras da presidenta de ASPICGA, na actualidade, "o Goberno e os axentes económicos e sociais coinciden na necesidade de promover un cambio no modelo produtivo español, que está fundamentado principalmente na innovación, na xestión do coñecemento e nas novas tecnoloxías. Está amplamente recoñecida no ámbito internacional a achega da Intelixencia Competitiva (IC ) á consecución deste obxectivo". Polo tanto, afirma que "a IC convértese nunha práctica de xestión imprescindible para todas aquelas organizacións que aspiran a ser máis eficientes, diversificadas e innovadoras".

Á vista desta necesidade, Rosa Freire considera imprescindible "a formación de analistas e xestores de información capaces de elaborar coñecemento a partir da información dispoñible e difundir bos produtos de intelixencia aos responsables da toma de decisión". Nese marco xorde ASPICGA como "foro e punto de encontro de profesionais e organismos dispostos a compartir coñecemento e experiencia co obxectivo de promover, difundir e implantar a cultura da IC en Galicia, así como colaborar no deseño de políticas e programas das Administración Públicas orientadas a impulsar a IC para protexer a empresa e adaptala ao seu entorno, facéndoa máis competitiva coa achega de coñecemento".

Direcciones relacionadas



Compartir: