CULTURA

As "Vésperas da Beata Virxe", de Monteverdi, chegan á Catedral co Festival Euro-Vía

23/05/2012 Euro-Vía Festival é unha proposta musical itinerante que vén ofrecendo concertos de música dende Roma a Santiago de Compostela en diferentes lugares ao longo dos camiños de peregrinación en Europa. O sábado 2 e o domingo 3 de xuño, o Festival recala na catedral compostelá cunha das obras mestras de Monteverdi, interpretada por un dos máis nomeados conxuntos barrocos, o Europa Antiqua Consort, baixo a dirección de Johannes Skudlik.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou o Festival, expresando a súa satisfacción porque se celebre "nun lugar da significación artística da Catedral". Acompañárono no acto o seu director artístico, Johannes Skudlik; o director-xerente do Auditorio, José Víctor Carou, e o deán da Catedral, José María Díaz, quen tamén lembrou a tradición do templo compostelán como "resonancia fantástica de música ao longo dos séculos".

Baixo o lema "Praceres musicais ao longo dos camiños de peregrinación", o Euro-Vía Festival vén programando música a través das rutas europeas dende 2005: música para órgano, programas corais, música orquestral, recalando en cidades como París (Notre Dame), Londres (Westminster), Porto, Munich, Copenhagen, Venecia ou Roma. Dende 2011, o Festival peregrina de Roma a Santiago pasando por Baviera, Francia, Portugal e España (Barcelona, Burgos e León) e o 2 de xuño chegará a Compostela cun programa repleto de citas musicais.

A programación abrirase o sábado 2 de xuño, ás 18:00 horas, cunha conferencia sobre a iconografía musical do Pórtico da Gloria a cargo de Carlos Villanueva Abelairas, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC, acompañado musicalmente polo grupo Martín Codax. A xornada continuará ás 19:30 horas cun concerto na igrexa da Universidade de órgano, conxunto coral e guitarras con obras para dúas e catro guitarras e órgano de Bach, Rodrigo, Hakim e outros, da man do Dúo Gruber & Maklar e Amadeus Guitar Dúo e o organista Jürgen Geiger, xunto ao coro xuvenil de Landsberg Am Lech. O domingo 3, ás 10:00 horas, celebración da Santa Misa oficiada na Catedral, que contará coa presenza do coro xuvenil de Landsberg am Lech, dirixido por Marianne Lósch e Jürgen Geiger ao órgano.

O momento culminante da fin de semana será o mesmo domingo 3, ás 21:00 horas, coa interpretación das Vésperas da Beata Virxe, de Claudio Monteverdi, nun concerto na Catedral.

O programa será interpretado polo conxunto Europa Antiqua Consort, integrado por membros dos máis importantes grupos de música antiga de Europa (Freiburger Barockensemble, Les Cornets Noirs, Cantus Cölln, Collegium Vocale Gent, Huelgas Ensemble ou La Petite Bande) baixo a dirección de Johannes Skudlik.

Os concertos e actividades serán de balde ata completar aforo.

Códice Calixtino e nova celebración
A preguntas dos xornalistas sobre o Códice Calixitino, o deán da Catedral afirmou ter "perspectivas positivas" sobre a súa recuperación, sen entrar máis en profundidade sobre as investigacións da Policía Científica. Ademais, aproveitou a rolda de prensa para anunciar a celebración en 2013 da conmemoración do descubrimento da tumba apostólica.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: