EDUCACIÓN

Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición das Escolas de Verán

23/05/2012 A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, deu conta da apertura do prazo de inscrición nas Escolas de Verán, que terá lugar en tres centros escolares do 25 de xuño ao 31 de xullo. O prazo permanecerá aberto ata o 2 de xuño.

A Escola Municipal de Verán, incluída no Programa Municipal de Conciliación, está dirixida a nenos e nenas que cursen entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria. Celebrarase no CEIP Raíña Fabiola, no CEIP Ramón Cabanillas e no CEIP As Fontiñas, entre as 7:45 e as 15:30 horas. A concelleira agarda que o número de inscritos se aproxime aos 300 da anterior edición.

Os pais poden escoller entre varias opcións temporais: do 25 ao 29 de xuño, todo o mes de xullo, a primeira ou a segunda quincena de xullo, todos os días do programa ou por días soltos. Tamén poden elixir entre as horas de actividades (obradoiros, xogos, deporte...), que se desenvolverán de 9:00 a 14:00 horas, ou engadir outros servizos complementarios como o de madrugadores, de 7:45 a 9:00 horas, ou o de comedor, de 14:00 a 15:00 horas.

O prezo para as actividades será de 5 euros ao día, mentres que o servizo de comedor custará 6 euros. No caso do servizo de madrugadores, custará 2 ou 2,5 euros, segundo sexa sen ou con almorzo. Haberá descontos dun 20% para os segundos fillos inscritos no caso de familias numerosas.

As familias interesadas poden descargar o impreso de inscrición nesta mesma páxina web e entregalo dentro do prazo no Rexistro Principal (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16).

Compartir: