URBANISMO

Reurbanización do Ensanche

28/03/2005 Coa aprobación da reurbanización da rúa Ramón Cabanillas e dos tramos das rúas Diego de Muros e Rodríguez Carracido –non afectados pola execución do aparcamento soterrado da Praza Roxa, a Xunta de Goberno abre a vía para rematar a reforma dos arredores desta emblemática praza do Ensanche, un dos proxectos máis ambiciosos do goberno municipal.

A Xunta de Goberno aprobou ambas adxudicacións, que suman perto de 750.000 euros e que incidirán na mesma línea das reurbanizacións desenvoltas ata agora no Ensanche: recuperar espacio para o uso peonil. Deste xeito se incrementará o ancho das beirarrúas aproveitando a reducción das prazas de aparcamento en superficie.

Desde o ano 1999, coa reurbanización da rúa Alfredo Brañas, ata agora máis da mitade da superficie do Ensanche foi reurbanizada nunha serie de actuacións progresivas nas que a previa construcción de aparcamentos (Rosa, Romero Donallo....) permitiu a recuperación dun espacio escaso que devolvera o protagonismo ao cidadán.

Á rúa Alfredo Brañas seguirona Ponte Castro, A Rosa, Romero Donallo, Santiago del Estero, Feans e as rúas da Rosaleda. Neste mesmo mes de marzo a Xunta de Goberno adxudicou tamén as obras de reurbanización das dúas mazás de Frei Rosendo Salvado comprendidas entre o cruce con Ramón Cabanillas e o cruce coa Avda. Romero Donallo e a reurbanización da mazá da rúa República do Salvador, comprendida entre Alfredo Brañas e Xeneral Pardiñas, actuacións que supoñen un investimento superior ao 1.100.000 euros.

O Concello programará coordenadamente o desenvolvemento destas actuacións procurando causar, na medida do posible, os menores prexuizos aos cidadáns e comerciantes da zona.



Compartir: