TURISMO

Santiago acolle unha nova reunión de traballo do Proxecto Certo

22/05/2012 Santiago acolleu unha reunión de traballo do Proxecto Certo, un proxecto concedido pola Unión Europa co obxecto de promocionar de forma conxunta tres dos Itinerarios Culturais Europeos: o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olaf, que comparten o feito de ser rutas de peregrinación con grande influencia na Idade Media.

As entidades que participan son: Concello de Santiago, Camiños de Europa (Parma), Asociación Europea da Vía Francíxena (Fidenza), Centro Nacional de Peregrinación da Ruta de San Olaf (Trondheim) e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais (Luxemburgo).

Actualmente hai 36 Itinerarios Culturais Europeos declarados polo Consello de Europa. O primeiro deles foi o Camiño de Santiago, que obtivo o recoñecemento en 1987. Outros dous dos máis importantes son a Vía Francíxena e a Ruta de San Olaf.

A Vía Francíxena partía de Canterbury, en Inglaterra, e cruzaba Francia, Suíza e Italia ata Roma. Foi a ruta de peregrinación a Roma máis importante da Idade Media. A Ruta de San Olaf foi a ruta de peregrinación máis importante do norte de Europa. Tiña como destino a catedral de Nidaros, na cidade norueguesa de Trondheim, onde repousan os restos de San Olaf, rei que introduciu o cristianismo en Noruega a comezos do segundo milenio.

O proxecto Certo ten unha duración de 16 meses e un orzamento de 166.000 euros. Nas actividades de promoción previstas inclúense presstrips ou viaxes de xornalistas para que coñezan os distintos camiños, presenza conxunta en feiras e distintos foros de turismo para profesionais, presentacións en destino, programas para compartir experiencias e coñecementos, intercambios de espazos nas respectivas páxinas web dos participantes do proxecto...

A primeira acción tivo lugar o 27 de abril en Parma, nunha xuntanza das cinco entidades participantes onde tamén se presentaron aos medios conxuntamente os tres Itinerarios Culturais Europeos.

Compartir: