XUNTA DE GOBERNO

Unha nova ordenanza regulará e actualizará todos os tipos de ocupación da vía pública

21/05/2012 A Xunta de Goberno aprobou inicialmente o novo proxecto de ordenanza de ocupación e uso da vía pública. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Albino Vázquez deu conta das principais características desta norma, que regula e actualiza todos os tipos de ocupación.

Albino Vázquez indicou que a nova norma contén aspectos maioritariamente da competencia do seu Departamento, pero tamén de Urbanismo. En calquera caso, explicou, quíxose desligar desta ordenanza todo o relativo á mobilidade, que será regulado por unha ordenanza específica que se está a elaborar.

A anterior ordenanza de ocupación databa de 1998, polo que quedara "obsoleta", en palabras do concelleiro. Así, dixo, xurdiron novos elementos de ocupación que naquel momento non existían e que agora era preciso regular. Outros elementos existentes carecían de regulación e tamén se produce unha actualización deste sentido. Todas estas novas regulacións implicarán as respectivas taxas, cuxo importe depende dos metros cadrados ocupados.

A ordenanza incluíra oito títulos, que determinarán cuestións como a instalación de quioscos ou as intervencións na vía pública. Neste último caso, introdúcese a regulación ata agora inexistente de elementos como plataformas elevadoras, montacargas, estadas, casetas de obra, etc.

Ademais, salientou o edil que a regulación da ocupación da vía pública pola instalación de servizos é máis "exhaustiva" que a contida no PXOM. A modo de exemplo, destacou a ordenación das obras das canalizacións, o que permitirá unha maior coordinación á hora de realizar as mesmas.

Tamén novidosas serán as licenzas para aparcamento exclusivo destinado á saída e entrada de vehículos. Esta é unha medida fundamentalmente destinada a establecementos comercias, de xeito que, mediante o pago dunha taxa, se poida reservar determinado espazo para carga e descarga, evitando que o vehículo permaneza circulando pola cidade ata que quede libre unha praza de carga e descarga, explicou o concelleiro.

Outras instalacións, como as máquinas expendedoras, tampouco estaban reguladas. Por regra xeral quedarán prohibidas no espazo público, salvo en momentos excepcionais. Tampouco estaban regulados os caixeiros, os puntos de descarga de vehículos eléctricos ou as mesas informativas, que tamén pagarán a súa correspondente taxa. As mudanzas, os subministracións de obras ou os eventos deportivos, culturais ou festivos cando supoñan unha ocupación da vía pública tamén están recollidos na ordenanza.

En canto ás sancións, a norma fixa infraccións leves, graves e moi graves, con multas, respectivamente, de ata 500 euros, entre 500 e 3.000, e entre 3.000 e 6.000 euros. A ordenanza será sometida á aprobación inicial do Pleno municipal do 31 de maio.

Paso inferior do Camiño Francés
A preguntas dos xornalistas, o concelleiro referiuse á inauguración do paso inferior das do Camiño Francés. Rematado o mesmo, iniciaranse as obras nas dúas rotondas previstas na zona, comezando pola que unirá a rúa Rodríguez de Viguri con San Caetano e co Camiño Francés.Logo será a vez da rotonda entre a rúa de Xoán Paulo II e as rúsa das Cancelas e de Dodro. O obxectivo é que as dúas actuacións estean listas para o momento de apertura do centro comercial, nos meses de outubro ou novembro.

Educación
A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, explicou outros asuntos aprobados na sesión ordinaria, como a proposta da concelleira de Educación para autorizar, o uso das instalacións do CEIP PIO XII para un programa de conciliación da vida laboral e familiar durante o verán. Este campamento de verán, terá actividades deportivas, ingles, música e servizo comedor. Celebrarase do 25 de xuño ao 31 de xullo de 2012 en horario de 8:30 a 15:00 horas.

Medio Ambiente
O Goberno local tamén deu o visto bo á concesión a 31 persoas da horta municipal que eles mesmos elixiran no acto público celebrado o 24 de abril. Ademais, creouse unha lista de agarda de 46 persoas e rexeitáronse 13 solicitudes por seren presentadas fóra de prazo ou por ser os solicitantes persoas da mesma unidade familiar ou ter o mesmo domicilio. Houbo catro renuncias.

Deportes
En materia de Deportes, aprobouse un orzamento de 17.500 euros para gastos de mantemento das instalacións deportivas, e outro de 15.607 euros para o servizo de prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais dende o 1 de xuño de 2012 ata o 11 de marzo de 2013.

Urbanismo
A proposta da concelleira de urbanismo, resolvéronse por mutuo acordo dous contratos: un para a redacción do plan especial do núcleo rural de Meixonfrío (PEMMU-6) e outro para a redacción do plan especial de equipamentos que permitira a execución dun polideportivo cuberto ao carón do C.P. Rodríguez Xixirei en Lavacolla. Devólvense así as fianzas, de 8.198 e 19.600 euros, respectivamente. Paula Prado indicou ao respecto que se trataba de "contratos de redacción de proxectos que logo nunca se levaron a cabo". Así, o primeiro databa de 2001 e o outro de 2007.

Benestar Social
No ámbito de Benestar Social, aprobouse o programa En positivo. Por unhas relacións sen violencia, por importe de 17.630 euros. Consistirá en obradoiros e actividades nos centros escolares destinados a sensibilizar aos alumnos e alumnas de secundaria respecto das desigualdades de xénero.

Consumo de alcohol por menores
A preguntas dos xornalistas sobre o consumo de alcohol por menores, Paula Prado, tamén concelleira de Benestar Social, explicou que o Goberno municipal segue traballando co seu Plan de Prevención, que inclúe actividades nos centros escolares, ofertas de lecer alternativo e e accións coas familias. Dixo que, en colaboración co Departamento de Seguridade Cidadá, "traballamos para evitar o consumo de alcohol por menores, pero a Administración non pode chegar a todas partes". Nese sentido, a edil apelou á "responsabilidade dos pais", para que a maior permisividade horaria de determinadas datas festivas estea acompañada dun labor "educativo e didáctico".

Paula Prado amosouse satisfeita en termos xerais coa "responsabilidade social" da maioría de supermercados e de establecementos hostaleiros respecto á non venda de alcohol a menores. Non obstante, referiuse á apertura de expedientes nesta materia. Así, segundo apuntou o edil Albino Vázquez, no último ano abríronse sete expedientes que afectan a catro establecementos.

Documentos relacionados



Compartir: