EDUCACIÓN

"Súbete ao tren" reuniu no Multiusos de Sar a nenos e nenas de 6 a 14 anos nunha xornada lúdica e educativa

20/05/2012 O Multiusos Fonte do Sar acolleu un encontro entre nenos e nenas de 6 a 14 anos, organizado a través da Asociación de Voluntarios Corporativos de La Caixa en Galicia e a Concellería de Educación. A titular do Departamento, Rebeca Domínguez, participou na xornada.

Súbete ao tren é unha proposta de actividade lúdica e socieducativa dirixida a nenos e nenas de entidades que colaboran coa Obra Social La Caixa e aos fillos de empregados e voluntarios. Realizouse un itinerario de viaxe en tren, gozando dun día de encontro e coñecemento a través de actividades, deseñadas para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, relacionadas cos valores de convivencia e interculturalidade. Os voluntarios de La Caixa participaron no desenvolvemento da actividade acompañando os nenos e nenas e apoiando na dinamización.

A actividade celebrouse no Multiusos Fontes do Sar entre as 11:00 e as 16:30 horas. Os participantes estaban divididos por grupos de idades: de 6 a 10 anos e 11 a 14 anos. Entre as 11:00 e as 14:00 horas celebráronse as diversas actividades e, de 14:00 a 16:00 horas, comida, entrega de premios e unha actuación musical.

Houbo animación no tren (pallasos, monitores), tres inchables, un circuíto de actividades, obradoiros de maquillaxe e xogos reunidos xigantes, un circuíto de educación viaria, xogos cooperativos e adaptados, contacontos, actividades circenses e a devandita actuación musical. Estas actividades eran abertas e gratuítas para todos os participantes.

Compartir: