URBANISMO

O alcalde presenta aos empresarios do Tambre dous proxectos de mellora dos sistemas de seguridade e contra incendios

16/05/2012 O alcalde compostelan, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, reuníronse co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, na sede da entidade. O obxectivo do encontro era informar aos empresarios do Tambre sobre as subvencións que o Concello solicitou á Xunta de Galicia para acometer dous proxectos de mellora das infraestruturas desta superficie industrial, cun investimento previsto de 231.552 euros.

O Concello proxectou unha actuación para instalación dun sistema de seguridade e vixilancia, por importe de 184.264 euros. Preténdese a implantación de cámaras de vídeo-vixilancia exteriores nos espazos públicos dos parques empresariais. O obxectivo é lograr unha supervisión centralizada e en tempo real, mediante un sistema de transmisión de imaxes baseado en tecnoloxía IP e con comunicación de datos con tecnoloxía Wimax. A elección deste sistema obedece á súa maior facilidade de ampliación futura, ao seu menor custo e á súa facilidade de implantación.

O outro proxecto consiste na instalación de hidratantes contra incendios, cun orzamento é de 47.287 euros. Na actualidade, existe un importante número destas instalacións conectado coa redade municipal de abastecemento. A súa eficacia é de aproximadamente 100 metros de radio dende o punto de localización. Así, algúns dos sectores non quedan cubertos polo alcance destes hidratantes.

Por este motivo, proponse a instalación de novos hidratantes que permitan dar cobertura a estas áreas. Esta actuación facilitaría ademais a legalización das empresas e instalacións do Polígono do Tambre, xa que lles permitiría cumprir a normativa do Documento Básico de Seguridade e Incendios (DBSI) dun xeito máis doado e económico.

O alcalde explicoulle a Jesús Chenel que será a Consellería de Economía e Industria a que decida finalmente a concesión das axudas para levar adiante estes dous proxectos. A Xunta de Goberno aprobou a solicitude destas achegas nunha sesión extraordinaria celebrada nesta mesma xornada.

Compartir: