EXPOSICIÓN

O Auditorio de Galicia acolle a exposición "Sen Xeración"

21/04/2006 O Auditorio de Galicia acollerá a exposición "Sen Xeración" dende o vindeiro mércores, 26 de abril. O título da mostra fai referencia á obra dunha serie de artistas, trece en total, que por diferentes circunstancias, a historia quixo deixar "sen xeración".

A intención do proxecto é investigar e analizar o acontecido neste últimos anos; é dicir, falar da arte en Galicia e non da arte de Galicia. Os artistas presentes na exposición son: Xoán Anleo, Guillermo Aymerich, Darío Basso, Pedro Barbeito, Berta Cáccamo, Tono Carbajo, Din Matamoro, Manolo Paz, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente, Carlos Rial, Diego Santomé e Manuel Vilariño.

A idea é desterrar unha visión reducida ou solapada do que foron os anos 80 e 90 en Galicia, que semellan eclipsados polo coñecido fenómeno de Atlántica primeiro, e por unha xeración ligada ao académico despois, e dotar dun contexto a unha serie de artistas dos que coñecemos a obra moi parcialmente. Este será o principal motivo da mostra, que ao mesmo tempo permitirá disfrutar coa obra deses artistas representativos destas últimas décadas. Na montaxe están traballando artistas como Manolo Paz, Carlos Rial e outros.

Os santiagueses que asistan ao concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, ou se acheguen a dar un paseo polo Parque da Música ou polo Auditorio de Galicia, poderán albiscar xa algunha das pezas da exposición e observar como se está desenvolvendo a montaxe.

A inauguración da exposición terá lugar o vindeiro mércores, 26 de abril, ás 20:30 h e contará coa presenza do Concelleiro de Cultura, Néstor Rego Candamil, do comisario da mostra e a dos artistas participantes.

Compartir: