CULTURA

Eliseo Parra presenta o seu último traballo, "Contradicción", dentro de Sons 2012

18/05/2012 Logo do concerto de Tortoise chega outra cita co ciclo Sons 2012. Será con Eliseo Parra, o domingo 20 de maio, no Teatro Principal, ás 21:00 horas. No concerto, que se celebra en colaboración coa casa das Crechas polo seu 25 aniversario, Parra presenta o seu último traballo, Contradicción. As entradas, a 12 € anticipada (8 € no anfiteatro) e 15 € o día do concerto, poden mercarse nas billeteiras do Teatro Principal (abertas de martes a sábado de 18 a 21h.), en Novagaliciabanco e na Casa das Crechas

Contradicción, o título do novo disco de Eliseo Parra, alberga tres conceptos segundo o seu autor: "Con tradición", porque é un traballo baseado na música tradicional; obvio. "Contra adición", si, si, contra a adición á estupidez, que tan en boga está. "Contradición", a vida é unha contradición, como a portada do disco.

Eliseo Parra, nacido na Ribeira do Douro un mes antes da década dos 50, dende neno empezou a mostrar gran afección, primeiro polo baile e máis tarde polo cante. Foi medrando acompañado sempre pola música, cantando en casas de veciños, en rondallas, no coro do instituto, etc., mentres vivía en Valladolid.

Aos 14 anos de idade a familia emigra á Barcelona dos anos 60 e é alí onde, sen querelo, convértese en músico profesional aos 18 anos e estudante libre no Conservatorio Municipal. Case dende o principio foi batería-cantante en bandas de rock como Mi Generación, coa que gravou dúas LPs e un sinxelo entre 1971 e 1973, reeditados 35 anos despois por Wha-Wha Records. Despois viría a época Zeleste tocando con Blay Tritono, La Rondalla de la Costa e Sardineta, grupo mítico co que xiraban por Europa actuando na rúa e en locais.

Naquela gran Barcelona do setenta, acompañou en directo ou en disco a Ovidi Montllor, Gato Pérez, María del Mar Bonet, Mariña Rossell ou Al Tall, entre outros. Nesta época empeza a abandonar a batería para entrarse máis no canto e a percusión menor para converterse en cantante de salsa con orquestras como La Platería, La Sonora Catalana ou La Negra.

En 1983, trasládase a Madrid co grupo Mosaico, xa para facer música tradicional; dous discos foron froito daquela unión: Homenaje a Agapito Marazuela (1984) e De raíz (1985). Ao desfacerse o grupo, traballa con Elisa Serna, Ángel Carril, María Salgado e moitos máis de toda índole.

Volve gravar en 1992 Al Bedrío, Arraigo(1994), Arboleras1 (1995), La boda estorbada (1996), Arboleras 2 (1997), Tribus Hispanas (1998), Viva! quien sabe querer (2002), De ayer mañana (2005) e Diez (2009).

Percorreu medio mundo actuando coa súa magnífica e fiel banda e colaborou con gran parte dos grupos de recreación tradicional da Península. Realizou traballo de campo por boa parte de España xunto a José Manuel Frade e colaborado nos libros e discos de recompilación deste, como transcritor musical.

Cabe destacar tamén o seu Suite Romance, que estreou o Ballet Nacional e a Orquestra Sinfónica de Madrid e o seu traballo como músico e actor para a Compañía Nacional de Teatro Clásico na obra de Lope de Veiga Peribáñez e o Comendador de Ocaña. Por último, resaltar a súa labor docente desde fai seis anos como profesor de percusión e canto tradicional.

Compartir: