EMPREGO

Santiago celebrou unha xornada para a dinamización do mercado local de emprego

11/05/2012 O Hostal dos Reis Católicos foi escenario dun encontro entre diversas empresas privadas de alto nivel e a Administración Pública, nunha iniciativa impulsada polo Concello. Baixo o título Estratexias de colaboración público-privada para a dinamización do mercado do emprego no contexto local, a xornada reuniu durante varias horas aos responsables de importantes firmas privadas con presenza de representantes de entidades públicas como a Cámara de Comercio, o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), a Deputación da Coruña, a Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego de Santiago, a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia ou a Universidade de Santiago.

A xornada de traballo foi inaugurada polo alcalde de Santiago, Ángel Currás, que pronunciará un relatorio titulado "Santiago, unha cidade máis atractiva para a inversión e o emprego". Así, reiterou os esforzos municipais para "encontrar vetas de emprego e por xerar oportunidades para a inversión empresarial", expresando o seu convencemento de que "Santiago é unha boa praza para a implantación empresarial, pola súa posición xeográfica, polas súas comunicacións, pola súa área de influencia, pola súa condición de sede da Administración autonómica, pola súa Universidade e pola sensibilidade que o seu Goberno municipal sinte cara as iniciativas empresariais".

O rexedor municipal cre que é necesario "cambiar a relación que as administracións públicas viñeron mantendo con cidadáns e empresarios". Neste sentido, apostou por que a Administración "xere unha atmosfera agradable ao emprendedor", de tal xeito que "a normativa, a fiscalidade e as infraestruturas non se deben configurar a maior gloria do planificador, senón a maior satisfacción das necesidades de consumidores e empresarios".

Tras a intervención de Ángel Currás, desenvolveuse unha mesa de traballo na que os participantes tiveron a oportunidade de poñer en común as distintas estratexias de dinamización laboral, con achegas e experiencias sobre o desenvolvemento dunha política de atracción e promoción de inversións, implantación de novas empresas e xeración de emprego no Concello compostelán.

Os obxectivos desta reunión entre institucións públicas e privadas eran identificar aquelas dificultades que afectan aos procesos de implantación de novas empresas e á creación de emprego, así como aqueles sectores de actividade en expansión na conxuntura actual para orientar a formación e capacitación do mercado laboral. Ademais, buscábase formular e propoñer accións destinadas a implementar unha política de atracción de investimentos e proxectos xeradores de emprego. Por último, a xornada pretendía favorecer a sinatura de convenios de colaboración interinstitucional e público-privada en materia de contratación e intermediación laboral.
Entre os aspectos que os responsables das entidades públicas e privadas trataron ao longo da xornada cómpre destacar os factores determinantes da implantación empresarial dende unha perspectiva xeral e sectorial, os seus problemas colectivos e específicos e o papel que desempeñan os concellos con respecto a esta implantación, prestando especial atención aos elementos negativos e positivos inherentes a súa actuación.

Compartir: