CULTURA

The Bad Plus pecha o ciclo Jazz in Blue cun concerto no Teatro Principal

09/05/2012 O domingo 13 de maio chega ao seu fin o ciclo Jazz in Blue e faino por todo o alto cun concerto de The Bad Plus. Será no Teatro Principal a partir das 20:00 horas.

Aínda que comezaron a tocar xuntos en 1989, The Bad Plus é un trío de jazz contemporáneo formado no 2000 en Minneapolis (Estados Unidos) por Ethan Iverson (piano), Reid Anderson (baixo) e David King (batería). A súa música combina elementos do jazz tradicional, free jazz, rock e pop, realizando versións de Nirvana, Ornette Coleman, Blondie, Pixies, David Bowie, Black Sabbath, Neil Young ou Radiohead.

O trío publicou o seu primeiro álbum en 2001 e dous anos máis tarde lanzou These are the vistas, ao que seguiu Suspicious activity en 2005, cunha versión do tema de "Carros de lume". O seu último álbum, Never stop, publicado en 2010, é o noveno da súa carreira, dous deles gravados en directo. Blunt object, gravado en vivo en Tokio en 2005, inclúe unha versión do "We are the champions" de Queen xunto ao clásico "My funny Valentine" de Rodgers e Hart para reflectir a heterodoxia de The Bad Plus.

O ciclo Jazz in Blue, da Concellaría de Cultura, ofrece a oportunidade de achegarnos a unha música radicalmente creativa, recoñecida a nivel internacional e de incontestable calidade, realizada por tres agrupacións, Erik Truffaz 4tet, Joe Lovano Quartet e The Bad Plus, que marcan moitos dos camiños polos que transcorre o mellor jazz actual.

As entradas para este último concerto, a 18 € (15 € no anfiteatro) poden mercarse en Novagaliciabanco, nas billeteiras do Teatro Principal, en Ticketmaster e asociados, Carrefour FNAC, Halcón Viajes, Tendas Tipo e www.ticketmaster.es.

Compartir: