ALCALDÍA

O Nobel de Medicina Tim Hunt visitou Raxoi

09/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu en Raxoi ao Premio Nobel de Medicina en 2001, Tim Hunt, quen está en Santiago para participar no Programa ConCiencia. O británico sumouse á longa lista de científicos que, no marco desta iniciativa de divulgación, teñen xa deixado a súa sinatura no Libro de Honra da cidade nos últimos anos.

Ciclo celular e cancro é o título da conferencia pública que Tim Hunt, premio Nobel de Medicina en 2001, ten previsto pronunciar este mércores 9, ás 20:00 horas na Cidade da Cultura, convidado polo Programa ConCiencia, que convocan a Universidade de Santiago e o Consorcio.

O profesor Tim Hunt, que visita Santiago apadriñado polo profesor da USC Anxo Vidal, comparte o Nobel co estadounidense Leland Hartwell e co tamén británico Paul Nurse polos seus descubrimentos nos reguladores chave do ciclo celular. Na actualidade, Hunt desempeña a súa carreira profesional no Imperial Cancer Research Fund (Reino Unido).

Tras a recepción en Raxoi, Hunt impartiu ás 11:30 horas, no edificio docente Novoa Santos do CHUS, unha charla dirixida a persoal investigador sobre os mecanismos do control celular. A continuación trasladouse ao CIMUS (Campus Vida) para manter diversas xuntanzas de traballo particulares cos grupos de investigación da USC punteiros no eido das ciencias da vida.

Tim Hunt
Hunt descubriu en 1982 unha proteína, chamada ciclina, necesaria para a división celular. As ciclinas están presentes en todos os organismos, dende as unicelulares levaduras ata os humanos, e funcionan a xeito dun reloxo que marca cando unha célula pode repartir o seu material xenético (na forma de cromosomas) entre as células fillas.

Este proceso é de crucial importancia en bioloxía, non só porque controla cómo dunha única célula se poden orixinar as millóns de células diferentes que compoñen o corpo humano, senón tamén porque se soubo que as alteracións nas ciclinas poden provocar a aparición do cancro.

Programa ConCiencia
O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.

A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas ou a Medicina -nestes seis pasados anos vinte premios Nobel, dous Abel e un Turing- débese en gran medida aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da USC e estes persoeiros.

Compartir: