TURISMO

O Instituto de las Ciencias y las Artes Audiovisuales apoiará a celebración de Curtocircuíto 2006

20/04/2006 O concelleiro de Turismo Francisco Candela reuniuse en Madrid co director xeral do Instituto de las Ciencias y las Artes Audiovisuales (ICAA) para presentarlle o proxecto da terceira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela.

A xuntanza, que tivo lugar na sede madrileña do Ministerio de Cultura, contou coa presencia dunha delegación compostelá encabezada polo edil de Turismo e os técnicos do Festival Curtocircuíto, que foron presentados ao director do ICAA, Fernando Lara, polo deputado ao parlamento e portavoz do PSOE en materia cultural, Antón Louro.

O obxecto da reunión, segundo indicou Candela, era ‘solicitar ao ICAA, a través do seu director, a súa colaboración e apoio ao desenvolvemento do noso festival de curtametraxes en todas as súas áreas, e moi especialmente na proxección exterior do festival, que nesta nova edición busca a súa definitiva internacionalización’.

De acordo cos asistentes, Lara mostrouse moi receptivo co proxecto e manifestou a súa mellor disposición para favorecer a celebración do evento.

O Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto´06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e Turismo de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

A súa terceira edición celebrarase en Santiago de Compostela do 17 ao 21 de outubro de 2006, pero contempla actividades de xullo a outubro que converten á capital galega durante cinco meses nunha cidade de cine.

Actividades todo o ano
Ademais de convocar a concurso aos mellores curtametraxes do mundo en ficción, videocreación e animación e documental, o festival inclúe este ano un novo apartado: o Mercado da Curtametraxe, un medio para dar pulo comercial aos filmes deste formato.

Tamén haberá unha nova sección, dedicada ás micromovies, obras audiovisuais cuxa duración non excede os 30 segundos e cun tema en común; ademais de diferentes obradoiros e actividades de formación.

A actividade audiovisual do festival estenderase ao longo de todo o ano co ‘Proxecto Compostela Plató’, un concurso de guións cuxo premio é a rodaxe dunha curta co guión gañador; e as proxeccións de curtametraxes nas prazas da cidade de Santiago de Compostela, que se realizarán todos os xoves de xullo, agosto e setembro.

En total, repartiranse uns 60.000 euros en premios entre os gañadores das distintas seccións do festival.

Compartir: