BENESTAR SOCIAL

O barrio de Vite celebra o Día de Europa coa promoción do envellecemento activo

08/05/2012 Con motivo do Ano Europeo do Envellecemento Activo e a Solidariedade Interxeneracional, o Equipo de Dinamización Urbana Santiago Norte-SS.SS, coa colaboración do Centro Socicultural José Saramago de Vite, desenvolverá o mércores 9, dende ás 19:00 horas, unha actividade interxeracional baixo o título Facemos Europa. A acción, que se celebrará no devandito CSC, consistirá na elaboración e degustación de doces decorados polos e polas propias participantes coas bandeiras da Unión Europea e dos países que conforman a Unión.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, asistirán a esta actividade, coa que se celebra o Día de Europa. A sesión permitirá a maiores e rapaces do barrio interactuar e aprender mutuamente dos seus traballos e experiencias.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: