CULTURA

Leiva presenta no Compostela Rock "Diciembre", o seu debut en solitario

07/05/2012 Leiva presenta dentro do Compostela Rock Diciembre, o seu debut en solitario despois de que o puideramos escoitar en Pereza. Será o xoves 10 de maio na Sala Capitol e as entradas, a 20 € anticipada, 26 € na billeteira, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, en Novagaliciabanco, na Red Ticketmaster e www.ticketmaster.es, en Carrefour, FNAC, Halcón Viajes e Tendas Tipo.

O 21 de febreiro de 2012, Leiva sacou á venda Diciembre, o seu álbum de debut en solitario, un paso máis aló na poética musicalidade do carismático artista, coa emoción a flor de pel propia do cantante de Pereza. Diciembre está poboado de cancións con guitarras que voan alto, atrevidos e contundentes arranxos de vento e unha voz que, como sempre, cala fondo. Un álbum que segundo Leiva é "o máis rock que fixen na miña carreira".

Todas as cancións están escritas, compostas e arranxadas por Leiva, excepto "Sudando la tristeza" e "Vis a vis", cuxas letras son respectivamente dos seus compadres Quique González e Kike Suárez ‘Babas’. O disco conta cunha excelente produción do propio Leiva, que ademais tocou todos os instrumentos (excepto teclados e metais), e foi gravado en Madrid, no estudio caseiro de Leiva e en Estudos Monteprincipe, e mesturado e masterizado en Red Led.

Pereza xa comunicou na súa páxina web que non publicaría disco este ano, que continuaría cos concertos e que tanto Leiva como Rubén lanzarían álbums en solitario.

Cos seus dous últimos álbums (Aviones e Aproximaciones), Pereza foi nº1 na lista dos máis vendidos en España con discos de platino. Nos seus máis de dez anos de carreira, a banda madrileña publicou álbums como Pereza (2001), Algo para cantar (2002) cunha edición especial en 2004, Animales (2005), o DVD Princesas (2005), Los amigos de los animales (2006), o DVD+CD Barcelona (2006), Aproximaciones (2007), o libro CD+DVD Baires (2009), Aviones (2009) e Pereza 10 Años (2010).

Nestes discos aparecían cancións como "Pienso en aquella tarde","En donde estés", "Si quieres bailamos", "Princesas", "Lo que tengo yo adentro", "Como lo tienes tú", "Todo", "Aproximación", "Estrella polar", "Tristeza", "Por mi tripa", "Margot", "Violento amor" ou "Lady Madrid", todas cantadas por Leiva e que se converteron en emblemas do rock español da última década. Cancións que marcan unha traxectoria, como "EME", primeiro single oficial do álbum Diciembre.

Compartir: