PLENO INFANTIL

Alcaldes de doce anos por un día

20/04/2006 Os alumnos de primaria dos colexios Roxos-Villestro e da Compañía de María exerceron de improvisados concelleiros nos plenos infantís celebrados no Concello con motivo da Xornada de portas abertas. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, exerceu de anfitrión e recolleu as propostas dos máis novos nestas didácticas e participativas sesións plenarias.

Borja Pazos Conde, do colexio de Roxos-Villestro, e Stephany Bárbara Mayo Moncada, do Compañía de María, tiveron a honra de ser os "alcalde e alcaldesa en funcións". Eles conduciron uns animados plenos municipais, que contaron coa intervención activa dos alumnos. Non faltaron as propostas, como a construción dunha piscina ou praia fluvial na zona de Laraño, a mellora das medidas de seguridade vial, ou a creación de novas residencias para persoas maiores.

A case unanimidade na votación das propostas foi unha das notas destacadas destes particulares plenos nos que houbo tempo para as anécdotas: dende a dun rapaz que máis que un parque reclamaba un chalé, á do "alcalde en funcións", que dubidaba da súa continuidade no cargo en presenza do propio Sánchez Bugallo.

Ademais do alcalde, acompañaron ós rapaces o primeiro tenente de alcalde, Néstor Rego, e o concelleiro de a Urbanismo e Patrimonio, Luis Toxo. Tras o pleno, os alumnos fixeron unha visita didáctica polo Concello para coñecer as súas dependencias e o seu funcionamento.

Estes plenos infantís formaban parte da Xornada de portas abertas, celebrada con motivo do cumprimento do XXVII aniversario da constitución das corporacións democráticas. Esta xornada, de entrada libre, permitiu a cidadáns e turistas visitar o pazo de Raxoi, sede da Administración Local. Os máis curiosos recibiron un folleto explicativo sobre a historia de Raxoi na súa visita ás dependencias municipais.

Compartir: