CULTURA

Concerto de Airas Ensemble no Auditorio de Galicia dentro do ciclo "Música de Cámara"

04/05/2012 O novo ciclo da Concellería de Cultura, Música de Cámara, ofrece o sábado 5 un segundo concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Será nesta ocasión con Airas Ensemble. Poderemos escoitalos a partir das 20:30 horas e as entradas, 6 € (30 € para todo o ciclo), poden mercarse na billeteira do Principal de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas e na do Auditorio, o día do concerto, a partir das 18:00 horas. Despois deste concerto, e logo da inauguración con Philhartrompía Quartet, poderemos escoitar neste ciclo a Sonatas á Italiana, Omega Brass Ensemble, Trío Pifa e Pamina Trío.

Airas Ensemble nace da necesidade de crear un proxecto dinámico, no que a música de cámara non estea sometida a unha mesma formación dentro dun concerto, senón que trata de desenvolver o significado da palabra ensemble para poder mostrar ao público un gran repertorio interpretado por diferentes formacións camerísticas. Estas formacións están integradas na súa maioría por novos músicos galegos que ocupan actualmente postos principais en orquestras e conservatorios españois e alemáns, que tras tocar xuntos música de cámara en orquestras como a Nova Orquestra Nacional de España e a European Union Youth Orchestra, senten a necesidade de difundir o repertorio camerístico de vento e piano.

Son Julia Estévez, frauta; Roberto Baltar, oboe; Santiago López, fagot; Alfredo Varela, trompa; Beatriz López, clarinete; e Haruna Takebe, piano.

Neste mes de maio teremos outros dous concertos deste ciclo. O 22 de maio é o día de Sonatas á Italiana, grupo de música barroca cun programa que xira sobre a música para cello e laúde con obras de Gabrielli, Marcello, Piccinini, Bodin de Boismortier, Gallot e Vivaldi. Pecha a programación de maio Omega Brass Ensemble e no seu programa escoitaremos pezas de Mozart, Brotons, Machí, Crespo, Cebrián, Bernstein, Álvarez, Lewis e Matos.

Xa en xuño, o día 1, podemos gozar co Trío Pifa, formado pola soprano Begoña Salgueiro, a frautista Julia Estévez e a pianista Rasa Jakutyte. Pecha o ciclo Pamina Trío o 7 de xuño coa violinista xaponesa Ikuko Kitakado, a clarinetista española Beatriz López e a pianista xaponesa Keiko Hattori.

Compartir: