CENTROS SOCIOCULTURAIS

Fállanse os certames "Aurelio Aguirre" e "José Saramago"

28/03/2005 O 30 de marzo cumpriranse cento corenta e nove anos do famoso Banquete de Conxo, que reuniu nunha comida e recital poético a obreiros de Compostela xunto a destacados galeguistas e escritores como Eduardo Pondal ou Aurelio Aguirre.

O Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre" de Conxo, acollerá a entrega de premios do cuarto concurso de relato curto "José Saramago" e do segundo concurso de poesía "Aurelio Aguirre" o mércores 30 de marzo. O acto, que se celebra na honra do poeta Aurelio Aguirre e do Banquete de Conxo abrirase ás 18.30 horas cun concerto de violín, guitarra e piano e do conxunto instrumental "Alfaia".

De seguido, a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, fará entrega dos galardóns, que este ano recaeron en José Manuel Vázquez Lorenzo, de Boiro, pola obra "Tardes de amor, viño doce e galletas de coco", no certame de relato curto "José Saramago" e en Alicia Fernández Rodríguez, de O Saviñao (Lugo) polo poemario "Verdes Imaxinados" no certame "Aurelio Aguirre". Tanto para o certame literario como para o de poesía presentáronse uns 23 traballos.

A continuación, haberá un recital de poesía que dará paso ao historiador Miguel Anxo Seixas, que falará arredor da Compostela de Aurelio Aguirre. A Agrupación de Música Tradicional Aurelio Aguirre de Conxo porá o broche final á cerimonia cun concerto.

Nova edición dos certames

Xa está aberto o prazo para o quinto concurso de relato "José Saramago", así como para o terceiro concurso poético "Aurelio Aguirre". As bases están expostas nos Centros Socioculturais do concello. Aqueles que queiran presentar os seus traballos, poderán facelo ata decembro de 2005 no rexistro do concello.

Compartir: