URBANISMO

Estimada parcialmente a maioría das alegacións ás ordenanzas reguladoras de publicidade e rotulación e de terrazas

26/04/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta das modificacións introducidas a raíz das alegacións aceptadas relativas ás novas ordenanzas reguladoras da publicidade e rotulación e das terrazas e quioscos de hostalería. Ambas normas aprobaranse definitivamente na sesión ordinaria do Pleno prevista para esta mesma xornada.

A ordenanza de terrazas e quioscos de hostalería presentáronse oito alegacións: catro particulares, dúas da Asociación de Hostalería Nocturna, unha da Asociación Hostalería Compostela e outra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). A maioría foron estimadas parcialmente.

Unha das novidades introducidas respecto á aprobación inicial é a ampliación da distancia existente entre o establecemento e a terraza, pasando a 20 metros (antes eran 10) cando no medio exista unha vía de circulación. En canto aos horarios, a raíz das alegacións presentadas, quedan do seguinte xeito:

- Ata as 1:00 horas durante a semana e ata as 2:00 horas na fin de semana durante os meses de maio, xuño e setembro.
- Ata as 2:30 horas todos os días dos meses de xullo e agosto.
- Ata as 11:30 horas entre semana e ata as 12:30 horas as fins de semana durante o resto do ano (do 1 de outubro ao 30 de abril).

Un dos cambios refírese ao período para a substitución do mobiliario por outro homologado, fixándoo nun ano. Ademais, permitirase a publicidade visible só dende o interior da terraza, nos seus elementos ou a través de pantallas de televisión.

A ordenanza varía tamén lixeiramente na delimitación dos módulos. Así, redúcese o módulo unha mesa máis catro cadeiras ao tamaño de 1,80 x 1,80 metros (antes era de 2 x 1,6 metros). Nos módulos de 1 mesa máis dúas cadeiras, o tamaño máximo pasa a 1,80 x 0,80 metros (antes 2 x 0,80 metros). O último cambio relativo ás terrazas ten que ver coa posibilidade de que os contratos de servizos se realicen por empresas homologadas e non exclusivamente polas subministradoras.

O último cambio afecta ás concesións dos quioscos permanentes, establecendo un prazo máximo nos marxes permitidos pola lei (ata 40 anos). En calquera caso, será determinado no prego de condicións, mentres que ata o momento se contemplaba un prazo límite de 10 anos.

Publicidade e rotulación
A ordenanza reguladora da publicidade e rotulación aprobada inicialmente rexistrou 5 alegacións: unha do COAG, outra da Asociación de Veciños A Xuntanza e tres máis a modo particular. Os cambios a raíz das suxestións admitidas teñen que ver fundamentalmente cos límites á contaminación lumínica, aos horarios e aos límites máximos de emisión.

Así, en canto ás actividades, o horario queda establecido entre as 7:00 horas e a saída do sol, e dende ocaso ata as 0:00 horas, ou mentres o local permaneza aberto (salvo as farmacias). Para os soportes publicitarios, o horario será, en inverno, dende as 7:00 á saída do sol e dende o ocaso ata as 23:00 horas e, en verán, dende as 6:00 ata a saída do sol e dende o ocaso ata as 0:00 horas.

Ademais, fíxanse como condicións de iluminación as contidas no regulamento electrotécnico para baixa tensión aprobado polo Real Decreto 842/02, de 2 de agosto.

Documentos relacionados



Compartir: