CULTURA

Provisional Danza presenta "Ni ogros ni princesas" no Teatro Principal

26/04/2012 Continúa a programación da Concellería de Cultura do ciclo Teatro & Danza e o sábado 28 chega a cita con Provisional Danza, que presenta Ni ogros ni princesas. Coreografiada e dirixida por Carmen Werner e coa dirección escénica de Daniel Abreu, poderemos vela no Teatro Principal a partir das 21:00 horas.

Con estas palabras de Van dean Borken presentan o espectáculo os seus autores: "Din que os soños son unha conxestión da imaxinación sobrecargada polas palabras non ditas, os actos non realizados, os afectos de odio ou de amor que non expresamos nin nunca expresaremos e tamén polos bicos non dados". A produción da obra contou coa axuda do Ministerio de Cultura (Industrias Culturais), a Comunidade de Madrid e Iberescena.

As entradas para este espectáculo, a 10 € (6 € no anfiteatro) poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

A compañía: Provisional Danza
Dende a elección do seu nome por Carmen Werner en 1987, Provisional Danza asume unha temporalidade que vai máis aló das súas actividades. Provisional son as relacións, as vidas, os sentimentos que intérpretes e público constrúen interactuando dentro da súa escena. Dende Provisional Danza e coa axuda da Comunidade de Madrid e o Ministerio de Cultura, fomentáronse e desenvolvéronse constantes vínculos de colaboración para contribuír, a través duns criterios e métodos de máxima esixencia, á formación de futuras xeracións de artistas tanto nacionais como internacionais.

A súa directora artística: Carmen Werner
Nace en Madrid. Licenciada en Educación Física pola Universidade Politécnica de Madrid. Estuda Danza Clásica e Contemporánea en Madrid, Barcelona e Londres. Dende que creou en 1987 a súa propia compañía, Provisional Danza, puxo en escena máis de 60 coreografías: traballos de sala (de pequeno e gran formato, incluída unha ópera-danza), traballos de rúa, vídeo-danzas, unha curtametraxe, colaboracións para outras compañías, encargos especiais para distintos festivais e teatros, ademais de impartir clases e talleres coreográficos.

A súa traxectoria artística foi recoñecida con diferentes premios, entre os que destacan o Premio Nacional de Danza 2007, o Premio Internacional de Danza Onassis en 2001 e o Premio de Cultura na sección de Danza da Comunidade de Madrid 2000.

Compartir: