NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Vinte e dúas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas

25/04/2012 O 17 de maio celébrase un novo Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Valentín Paz Andrade. Para conmemorar esta data, o Departamento de Lingua Galega preparou ata 22 actividades para a infancia e mocidade de Compostela. O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou o programa en rolda de prensa.

O calendario inclúe diversas actividades para público a partir dos 3 anos, que se realizarán no tempo de lecer (tardes e fins de semana) arredor de diversas formas de expresión: a lingua e a literatura, o teatro, o cinema, o hit-hop ou a expresión plástica. Todas elas pretenden ofrecer un contorno favorable ao uso da lingua galega, ampliando a oferta existente e, á vez, dando a coñecer a potencialidade do idioma e argumentando en prol do seu uso.

As 22 actividades que compoñen o programa esténdense entre o 5 de maio e o 9 de xuño, incluídos, e chegarán a moitos puntos do termo municipal: dende a Zona Histórica ou o Ensanche ata os barrios de San Pedro, Vite ou Conxo e as parroquias de Busto, Figueiras, Marantes, O Eixo, A Peregrina, Nemenzo, Villestro, Laraño, A Graza e Marrozos. Dentro desta lista de actividades incluíronse dúas fornecidas pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia: Galego de cine e Títerehop. O orzamento total do programa é de 10.284 euros.

Unha das iniciativas previstas é a denominada A tea de araña que todo o apaña, dirixida a rapaces e rapazas de 3 a 6 anos. Serán tres sesións de contacontos con dramatización en Figueiras, Marantes e Fontiñas, baseadas no conto do mesmo título creado por Xoán Babarro en 1988. Teñen como obxectivo exercitar a imaxinación, potenciar a expresión corporal na comunicación e afondar na propia historia.

Mario pensa que o galego non serve para nada é o título doutras tres sesións de contacontos, neste caso con obradoiro de expresión plástica e dirixidas a nenos e nenas entre 6 e 12 anos. Os centros socioculturais da Trisca, Conxo e Vite, acollerán estes obradoiros, nos que se pretende desmontar prexuízos sobre a lingua galega e promover a expresividade en lingua galega.

Rapaces e rapazas de 5 a 12 anos poderán participar nas dez sesións de O conto viaxeiro, dedicadas á elaboración colectiva dun conto ilustrado, que se publicará en papel e soporte dixital. A edición dixital irá acompañada de propostas didácticas e difundirase nun espazo web específico que servirá, asemade, como punto de encontro e de fonte de recursos para escolas e familias. Estas sesións terán lugar en Busto, O Eixo, A Peregrina, Nemenzo, Villestro, Laraño, A Gracia, Figueiras, Conxo e Marrozos.

Outra das propostas é Galego de cine, un obradoiro de cinema e proxeccións de películas, para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Farase un achegamento á linguaxe audiovisual a través de filmes en galego, complementado con actividades de comprensión da linguaxe e de creación e gravación dun conto orixinal en vídeo. En paralelo, haberá unha proxección aberta de audiovisuais galegos nunha caravana acondicionada para esta finalidade. A cita, na praza do Toural e no Pazo de Bendaña.

En Atopando Compostela, rapaces a partir de 12 anos poderán participar na Zona Histórica e en San Pedro-Belvís, nun xogo de pistas sobre a toponimia. Será unha boa oportunidade para coñecer mellor Santiago e para adquirir conciencia do valor patrimonial dos topónimos, relacionando estes co medio.

Compartir: