TURISMO

Lavacolla terá este verán o maior número de conexións internacionais da súa historia

25/04/2012 Lavacolla, o aeroporto central de Galicia, contará este verán co maior número de conexións internacionais da súa historia. As conexións directas dispoñibles serán: Londres, Frankfurt e Milán con Ryanair; París e Zurich con Vueling; Xenebra con Easyjet; Dublín con Aer Lingus; Venecia con Volotea e Caracas con Air Europa.

Ademais haberá dúas novas conexións con voos chárter en periodo estival: Funchal, na illa de Madeira, con Sata, e Liubliana, en Eslovenia, con Adria Airways. A estas conexións súmanse as conexións coas principais cidades de Alemaña e Centroeuropa a través do hub de Palma de Mallorca con Air Berlin.

Con estas conexións, ningunha das cales recibe ningunha subvención por parte do Concello, Santiago de Compostela e Galicia estarán conectadas cos seus principais mercados internacionais emisores de turistas: Alemaña, Reino Unido, Italia e Francia. Portugal, que é tamén un dos principais mercados emisores para Santiago e Galicia, terá unha conexión coa illa de Madeira. Ademais, haberá conexións con outros mercados emisores interesantes para a cidade (Irlanda, Suiza, Eslovenia).

Turismo de Santiago está centrando as súas actividades de promoción nestes catro grandes mercados emisores cos que hai conexións directas. Por exemplo, Turismo de Santiago está organizando para comezos de maio unha viaxe de xornalistas venecianos para promocionar a cidade neste mercado concreto, co dobre obxectivo de aumentar o número de turistas italianos e colaborar na consolidación desta nova conexión aérea.

Na organización desta viaxe de xornalistas venecianos, Turismo de Santiago conta coa colaboración da Asociación Hostalería Compostela, que colabora na hospedaxe e manutención dos grupos, da propia compañía aérea Volotea e da Oficina Española de Turismo en Milán.

Compartir: