FUNDACIÓN GRANELL

Congreso Interdisciplinar Eugenio Granell

12/04/2006 Os días 25, 26 e 27 de abril a Fundación Granell, sita no Pazo de Bendaña, acollerá o Congreso Interdisciplinar Eugenio Granell, organizado pola propia Fundación, a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

O acto de presentación será o día 25 de abril ás 9, e correrá a cargo de Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Granell; José García-Velasco, presidente da SECC; Xosé Luis Bará Torres, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia; Xosé Sánchez Bugallo, presidente Fundación Eugenio Granell e alcalde de Santiago de Compostela; e Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Este congreso ten como peculiaridade con respecto ao anterior congreso celebrado sobre a figura de Eugenio Granell no ano 2000 a gran implicación dos e das investigadores galegos. O montante de comunicacións, ponencias e mesas redondas programadas, pertence a investigadores e investigadoras galegos, a maior parte deles vinculados á Universidade de Santiago, como os profesores de historiada Arte Antonio Garrido e Juan Monterroso, ou os tamén profesores da Facultade de Filoloxía Galega Claudio Rodriguez Fer e Carme Blanco. A isto súmanse algúns dos/das investigadores clave no estudio da figura de Granell do resto do estado, como a catedrática de Historia da Arte da Universidad Complutense de Madrid, Lucía García de Carpi, a comisaria independente e crítica de arte Josefina Alix.

O programa de actividades vaise desenvolver integramente en dependencias da Universidade de Santiago, concretamente os días 25 e 26 no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, e o día 27 na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Con respecto ao congreso do ano 2000 destaca a diferenza de contidos. Mentres que no primeiro congreso incidírase especialmente nas facetas literarias e plásticas do creador, nesta ocasión as actividades programadas vannos achegar non só ao artista plástico e creador literario, senón tamén ao Granell xornalista, e a un artista plástico que experimenta co medio cinematográfico.
Nesta ampliación de contidos, non podía faltar unha análise do longo e intrincado periplo, no que se transformou a súa militancia política, sempre fiel o troskismo.

Inscricións: Sede da Fundación Granell (Pazo de Bendaña, Praza do Toural s/n) ou a través da webwww.fundacion-granell.org.

Compartir: