CULTURA

Filhartrompía Quartet inaugura o ciclo Música de Cámara no Auditorio de Galicia

24/04/2012 O novo ciclo da concellería de Cultura, Música de Cámara comeza o mércores 25 cun concerto de Filhartrompía Quartet. Será ás 20:30 horas na Sala Mozart do Auditorio e as entradas, a 6 € (30 € para todo o ciclo), poden mercarse na billeteira do Principal de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas e na do Auditorio o día do concerto a partir das 18:00 horas. Despois deste concerto, poderemos escoitar neste ciclo a Airas Ensemble, Sonatas á Italiana, Omega Brass Ensemble, Trío Pifa e Pamina Trío.

Filhartrompía Quartet está formado por Alfredo Varela, trompa; Martín Naveira, trompa; Xavier Ramon, trompa; e Jordi Ortega, trompa. Nace no seo da Real Filharmonía de Galicia, co propósito de mostrar ao público o repertorio camerístico escrito para cuarteto de trompas.

Filhartrompía Quartet ofreceu a súa primeira actuación en xullo de 2007 no marco do II Festival de Música Via Stellae de Santiago de Compostela e no ciclo Músicas non Camiño promovido polo Plan Xacobeo. Realizou xiras e clases maxistrais por diversas cidades de Castela e León, Valencia e Galicia.

Ofrece neste concerto un programa con obras de Gioachino Rossini, Nikolai Rimski Korsakov, Jan Koetsier, Georg Philip Telemann, Werner Pirchner e Roberto Pintos.

Xa en maio teremos tres concertos. O día 5 poderemos escoitar a Airas Ensemble, que nos ofrecen un programa de Poulenc, Dvorak, e Françaix. O 22 de maio é o día de Sonatas á Italiana, grupo de música barroca cun programa que xira sobre a música para cello e laúde con obras de Gabrielli, Marcello, Piccinini, Bodin de Boismortier, Gallot e Vivaldi.

Pecha a programación de maio Omega Brass Ensemble e no seu programa escoitaremos pezas de Mozart, Brotons, Machí, Crespo, Cebrián, Bernstein, Álvarez, Lewis e Matos. Xa en xuño, o día 1, podemos gozar co Trío Pifa, formado pola soprano Begoña Salgueiro, a frautista Julia Estévez e a pianista Rasa Jakutyte. Pecha o ciclo o 7 de xuño Pamina Trío, coa violinista xaponesa Ikuko Kitakado, a clarinetista española Beatriz López e a pianista xaponesa Keiko Hattori.

Documentos relacionados



Compartir: