CULTURA

Luis Piedrahita presenta "El castellano es un idioma loable lo hable quien lo hable"

24/04/2012 Luis Piedrahita chega a Compostela para presentar El castellano es un idioma loable lo hable quien lo hable dentro do ciclo Falabaratos. Ao esgotarse as entradas para as función previstas o mércores 25 e o xoves 26 ás 21:00 horas, engadiuse unha nova o mesmo xoves ás 23:00 horas. Así, poden aínda mercarse entradas para a nova función a un prezo de 18 € (butaca, platea e primeira planta); 15 € (segunda planta) e 12 € (anfiteatro) en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal. Despois de Piedrahita estarán no ciclo, o 1 de maio, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e David Amor con Hai POD, e Godoy, o 8 de xuño, con Verás que todo es mentira.

Luis Piedrahita, mago das palabras ,volve subirse aos escenarios para levarnos da man a ese mundo seu tan peculiar e divertido. Piedrahita defende a eses pequenos seres aos que non se lles trata co respecto que se merecen: as letras pequenas que ninguén le, as olivas, as legañas das toupas... Humor do cotián, humor branco, en ocasións surrealista e sempre familiar. Neste espectáculo, Luis Piedrahita xoga coas palabras, coas súas e coas do público, improvisando coas súas suxestións e deixándolles participar.

Despois do incontestable éxito de ¿Por qué los mayores construyen los columpios siempre encima de un charco? e de Dios hizo el mundo en siete días…y se nota chega este divertidísimo espectáculo cheo de maxia e enxeño. Unha vez máis, un monólogo escrito e dirixido por Luís Piedrahita. Unha vez máis, un motivo para asistir ao teatro e gozar do humor deste extraordinario monologuista.

Luis Piedrahita traballou como guionista para programas de televisión como El Club de la Comedia ou Cruz y raya. Tamén foi director, guionista e colaborador do programa de maxia Nada por aquí. Actualmente é colaborador e guionista do programa El hormiguero 3.0.

Piedrahita é autor de catro libros de monólogos: Un cacahuete flotando en un piscina… ¿sigue siendo un fruto seco?, ¿Cada cuánto hay que echar a lavar un pijama?, Dios hizo el mundo en siete días… y se nota e ¿Por qué los mayores construyen los columpios siempre encima de un charco?. Ademais, escribiu un libro de literatura infantil titulado Diario de una pulga e outro para magos chamado Monedas y otras historias.

Luis Piedrahita triunfa por toda España cos seus espectáculos unipersoais de monólogos e cada fin de semana colga o cartel de "Non hai entradas". Tamén colaborou como guionista nas obras de teatro: 5hombres.com, 5mujeres. com e Entre fuerte y flojo. Para a radio traballou no programa matutino No somos nadie, de M80 Radio, e no programa No es un verano cualquiera, de RNE. E en cinema escribiu e dirixiu, xunto con Rodrigo Sopeña, a longametraxe La habitación de Fermat, estreada en máis de 50 países. Ademais, colaborou no guión da longametraxe Cosas que hacen que la vida valga la pena, dirixida por Manuel Gómez Pereira.

Compartir: