MEDIO RURAL

O Concello aborda unha revisión integral das pistas do rural compostelán

24/04/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, deu conta do Proxecto Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural, aprobado en Xunta de Goberno e que permitirá acometer unha "revisión integral" das pistas asfaltadas das 21 parroquias dos rural compostelán. Destinaranse 104.385 euros a estas actuacións, realizadas en cooperación coa Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.

Luis Bello lembrou que este proxecto vén a completar unha primeira actuación, rematada a primeiros de abril, que permitiu rebacheos e reforzos parciais de firme naquelas vías máis deterioradas e con necesidades máis inmediatas. Investíronse 26.000 euros nesta actuación de urxencia.

Agora, tras percorrer a totalidade dos 800 quilómetros de pistas asfaltadas do rural, consensuouse cos técnicos da Xunta un programa de actuacións, que suporá "unha revisión integral de todas as pistas asfaltadas, nas que se farán traballos de rebacheos nalgunhas delas e, nos tramos en peor situación, realizarase unha limpeza de cunetas con escarificado de firme previo ao reforzo do firme. Estas melloras parciais do firme acometeranse nos seguintes lugares e parroquias: A Fontecova (Figueiras), Tras Igrexa (Villestro), Pardiñas de Abaixo (Laraño), Piñeiro-Cruce do Eixo de Abaixo (O Eixo), O Sixto (Marrozos), Cañoteira-Túnel Ferroviairo-Barreira (Marrozos), Gamas (Marrozos), A Lavacolla (Sabugueira), Marzo de Arriba (Grixoa)-Aradas (A Peregrina), Roán-Lamascal-Pontevilar (San Xoán de Fecha) e Km 1,83 da AC-250 (A Barciela).

Ademais, realízanse actuacións de rebacheo nas parroquias de Bando, Busto, Nemenzo, Verdía, A Gracia, Enfesta, Marantes e Carballal. O edil estimou para o mes de xullo o comezo de todas estas intervencións, que "nos permitirán cubrir a práctica totalidade das necesidades máis urxentes, en espera de posteriores dotacións orzamentarias".

O concelleiro recoñeceu terse atopado co algunha pista que "presentaba un estado realmente lamentable e intransitable", polo que agradeceu aos veciños "a súa paciencia, xa que son coñecedores da situación económica que a Administración atravesa en xeral e, en particular, este Concello".

Angrois
Preguntado pola situación en Angrois, Bello indicou que se está acometendo nestes intres a substitución das canalizacións de auga na travesía de Angrois, tras a cal se repoñerá o firme. Ademais estase traballando no proxecto de substitución de canalizacións da rúa da Presa. Non obstante, recordou que aquí existe un conflito con ADIF, á que o Concello reclama que asuma o custo da reparación dos danos causados polo paso dos camións das obras da liña do AVE.

Documentos relacionados



Compartir: