CULTURA

Chega a Compostela a mostra itinerante "Cinema Europeo en Ruta"

26/04/2012 O venres 27 de abril chega a Santiago de Compostela a mostra itinerante Cinema Europeo en Ruta, baixo a lema "O noso cinema dá que falar". O ciclo terá lugar os días 27 e 28 de abril na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Haberá proxeccións de filmes e debate coa cidadanía que versará sobre a sostenibilidade e no que participarán Ana Miranda, Francisco Millán, Antolín Sánchez Presedo e Sarah Lambert. A entrada a todas as sesións será gratuíta ata completar o aforo.

O venres 27 comezará o ciclo coa proxección, ás 19:00 horas, de Home (Yann Artrus-Bertrand, 2009). Unha vez rematada a proxección, ás 20:30 horas, dará comezo o coloquio que xirará arredor da sostenibilidade e no que participarán os membros da Comisión Europea e do Parlamento Europeo Ana Miranda, Francisco Millán, Antolín Sánchez Presedo e Sarah Lambert. Xa o sábado 28 haberá dúas novas proxeccións. Ás 19:00 horas poderemos ver Exit through the gift shop (Bansky, 2012) e, ás 20:30 horas, O esforzo e o ánimo (Arantxa Aguirre, 2010).

Cinema Europeo en Ruta é dunha iniciativa da Oficina do Parlamento Europeo e a Representación da Comisión Europea en España que pretende difundir algunhas das mellores películas europeas dos últimos anos en localidades repartidas por toda a xeografía española. Tamén se xeran espazos de debate e reflexión ao redor de diversos temas de especial interese para os cidadáns sobre a Unión Europea.

Dende o pasado 18 de xaneiro, están a proxectarse nunha cidade de cada Comunidade Autónoma tres películas, e ao final organízase un debate aberto cos cidadáns e membros do Parlamento Europeo e da Comisión Europea, así como representantes das institucións locais. As localidades que acollen a mostra son: As Palmas de Gran Canaria, Logroño, Córdoba, Santiago de Compostela, Elxe, Aranxuez, Cáceres, Xixón, Badalona, Alcañiz, Palma de Mallorca, Pamplona, Burgos, San Sebastián, Santander, Cidade Real e Murcia.

Documentos relacionados



Compartir: