EDUCACIÓN

Máis de 600 escolares asistirán á representación da obra "Payasos en peligro"

23/04/2012 Máis de 600 escolares dos centros de ensino de Educación Primaria de Santiago asistirán o martes 24 de abril de 2012, ás 9:45 horas e ás 11:30 horas, no Teatro Principal á representación da comedia musical Payasos en peligro, promovida pola Fundación Mapfre e a Concellería de Educación.

Esta obra de teatro é un recurso educativo máis do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección: Onde está o perigo?, e forma parte das iniciativas que a Fundación Mapfre pon a disposición dos escolares dentro das súas campañas de educación viaria, percorrendo máis de 20 cidades de España, nas que xa participaron máis de 10.000 escolares.

A educación viaria é o punto de partida desta representación teatral, utilizando o teatro e a música para fomentar dende a infancia as actitudes e os valores necesarios para o correcto comportamento como peóns, viaxeiros e condutores de bicicletas. Esta obra de teatro céntrase na aprendizaxe das normas básicas de comportamento vial, construíndo unha obra de teatro clara nas súas ideas, sorprendente e cun ritmo trepidante. Durante o transcurso da obra, dunha maneira clara e divertida, explicaranse cales son e para que serven, xa que é fundamental para a resolución do argumento.

Cómpre destacar a boa acollida desta iniciativa por parte da rede de centros de Santiago de Compostela, xa que máis de 600 escolares confirmaron a súa participación. Pertencen aos seguintes centros: CEIP Ramón Cabanillas, CEIP López Ferreiro, CEIP Vite I, Colexio San Jorge, Colexio San Pelayo, Colexio Divino Mestre, Colexio Nosa Sra. Dos Remedios, Colexio A Inmaculada e Colexio Xuventude.

Documentos relacionados



Compartir: