BENESTAR SOCIAL

Adelaida Negreira presenta ao Consello Municipal de Servizos Sociais a Casa de Asociacións

19/04/2006 A Concelleira de Benestar Social presenta ao Consello Municipal de Servizos Sociais as últimas iniciativas que o seu departamento está a desenvolver a favor das organizacións de iniciativa social: a Casa de Asociacións de Servizos Sociais e a Guía de Organizacións de Iniciativa Social.

Ás 20.00 horas do mércores 19 de abril, no Centro Sociocultural de Fontiñas, Adelaida Negreira, Concelleira de Benestar Social, vai explicar ás máis de 60 entidades que forman parte do Consello Municipal de Servizos Sociais un dos proxectos máis ambiciosos do seu departamento: a Casa de Asociacións de Servizos Sociais. Na reunión entregaranse tamén exemplares da nova Guía de Organizacións de Iniciativa Social.

O Consello Municipal de Servizos Sociais poderá coñecer de primeira man os detalles do edificio de 1.362.37 m2 que se está a construír en Salgueiriños, así como o novo modelo de intercooperación asociativa que dinamizará este novo equipamento.

Na creación do modelo de cooperación interasociativa que dinamizará este novo equipamento participarán todas as asociacións. Este proxecto de dinamización ten como obxectivo fundamental axudar ás organizacións sen ánimo de lucro a mellorar a súa capacidade técnica e a coordinar a súa acción para ofrecer un mellor servizo á cidadanía de Santiago de Compostela, especialmente á máis vulnerable. O modelo de cooperación interasociativa promoverá a coordinación permanente e a rentabilización dos recursos sociais.

O edificio albergará asociacións de iniciativa social que presten servizos no eido dos servizos sociais. No baixo as entidades usuarias terán á súa disposición unha sala de uso polivalente con capacidade para 178 persoas, ximnasio, despachos médicos, salas de terapia e sauna finlandesa; no primeiro andar unha aula de formación, biblioteca e despachos; e no segundo e terceiro andar, despachos e aulas de formación.

A nova Guía de Organizacións de Iniciativa Social que tamén se vai presentar, reúne a máis de 70 entidades de iniciativa social presentes no Concello de Santiago de Compostela. Nela atópanse actualizados todos os seus datos de contacto, así como unha descrición da súa razón de ser e das actividades que están a desenvolver. Esta guía editouse nun atractivo formato de anelas que permite personalizar a presentación das fichas.

Compartir: