XUNTA DE GOBERNO

Aberto o prazo de solicitude para os obradoiros de verán e do curso 2012-2013 das escolas infantís de Conxo e Fontiñas

23/04/2012 A Xunta de Goberno aprobou os prazos de reserva de praza e admisión de solicitudes para os obradoiros, tanto de verán como do curso 2012-2013 das escolas infantís de Conxo e Fontiñas. Tamén se acordaron as obras de mellora de vieiros rurais que, en réxime de cooperación, se executarán no marco do Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM Rural).

Os obradoiros de verán das escolas de Conxo e Fontiñas, dirixidos realizaranse en horario de 10:00 a 14:00 horas, de luns a venres, mentres que os do curso 2012-2013 terán lugar entre as 16:00 e as 20:00 horas, período este no que tamén haberá merenda, xogo libre no patio, animación á lectura e ata técnicas de relaxación.

Para o vindeiro curso están previstos obradoiros de arte, cociña divertida, historia, pequeciencia e astronomía. Durante o verán, as sesións serán fundamentalmente de creación e manualidades e de deporte en equipo.

O prazo de solicitude para os xa matriculados estará aberto do 23 de abril ao 2 de maio. As listas de admitidos publicaranse o 4 de maio. Despois, do 7 ao 22 de maio, abrirase o prazo para novas solicitudes. A relación de admitidos darase a coñecer o 31 de maio. O prezo da matrícula anual nos obradoiros do curso 2012-2013 terá un custo de 75 euros, mentres que os obradoiros de verán custarán 125 euros.

Tamén en relación a estas dúas escolas infantís, aprobouse a solicitude do financiamento autonómico, correspondente a 2012, para afrontar os custos das escolas infantís de Conxo e Fontiñas. Solicítanse 173.342 euros, o que supón o 50% do custo total, que alcanza os 346.684 euros.

Benestar Social
Na sesión tamén se aprobou a solicitude á Consellería de Traballo e Benestar da transferencia finalista para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal. Esta solicitude non implica ningún custo adicional para o Concello, xa que conta con consignación orzamentaria. A distribución do importe solicitado sería a seguinte: Persoal, 232.813 euros, e Axuda no Fogar, 421.683 euros (modalidade de prestación básica do plan concertado, 204.481 euros e modalidade para persoas valoradas como dependentes, 217.202 euros.

En total, solicítanse 694.270 euros para uns servizos comunitarios que supoñen un gasto de 1.591.550 euros. O resto achégao o propio Concello.

Igualmente a proposta da concelleira de Benestar Social e a vista dos informes técnicos e da valoración cidadá, acordouse presentar como entidade idónea para a execución da actividade denominada Proxecto Municipal de Animación Solidaria á Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL), por un importe de 2.759 euros. Trátase dunha iniciativa de envellecemento activo.

Medio Rural
En materia de Medio Rural, aprobouse un novo proxecto a incluír no Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM Rural). Trátase do proxecto de mellora do camiño de Santa Cristina de Nemenzo-Ponte Chaián e outros. Esta actuación proxecto será executada con cargo os fondos do convenio entre o Ministerio de Medio Ambiente e a Comunidade Autónoma de Galicia, cun orzamento de 104.385 euros.

Ademais, acordouse a aceptación do Concello para a execución, en réxime de cooperación, de varias obras de mellora de camiños incluídas no devandito PEIM Rural. Trátase das seguintes obras: Roán-Lamascal-Ponte Vilar (Santa Cristina de Fecha); A Fontecova (Figueiras), Tras Igrexa (Villestro), Pardiñas de Abaixo (Laraño); Piñeiro-Cruce Eixo de Abaixo (O Eixo); O Sisto (Marrozos); Cañoteira-Túnel ferroviario- Barreira (Marrozos); A Lavacolla (Sabugueira); Marzo de Abaixo (Grixoa)-Aradas (A Peregrina); Barciela; e Neiro de Arriba-Igrexa de Busto.

Compartir: