ALCALDÍA

O alcalde deu a coñecer os debuxos que ilustrarán o cartel do 50 aniversario da Sociedade Deportiva Compostela

23/04/2012 Xa se coñecen os debuxos que ilustrarán o cartel do 50 aniversario da SD Compostela. O alcalde compostelán, Ángel Currás, deu a coñecer os nomes dos catro escolares que gañaron o concurso convocado ao efecto pola comisión organizadora desta efeméride. O xurado elixiu os catro debuxos entre os 50 finalistas, do total de máis de 300 presentados.

Cristian Pena Uzal, de 7 anos e estudante de 1º de Educación Infantil do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei gañou o premio na categoría de 3 a 8 anos, mentres que Paula Noya Marullo, de 11 anos e de 5º de Primaria do CEIP Ramón Cabanillas, foi a triunfadora na modalidade de 9 a 12 anos. Os segundos clasificados en cada unha das categorías foron, respectivamente, Yaiza Taboada Rodríguez (5 anos), da Aula Mixta Infantil do CEIP Lamas de Abade; e Pedro Sánchez Cernadas (10 anos), de 5º de Primaria do Colexio A Milagrosa.

Os primeiros premios en cada unha das categorías consisten en dúas estancias de fin de semana e entradas para visitar o Parque Warner (Madrid), catro entradas ao Museo do Real Madrid e catro abonos para a temporada 2012/13 da SD Compostela. Os segundos premios son vales de compra de 100 euros en Área Central e catro abonos.
A entrega de premios terá lugar en Área Central o venres 11 e maio. Pero xa dende o martes 24 de abril e ata esa data, os traballos finalistas estarán expostos neste centro comercial.

Este concurso foi o punto de partida dunha serie de actos previstos durante o ano para celebrar o 50 aniversario da SD Compostela.

No acto no que seu a coñecer o fallo do xurado interviñeron, ademais do alcalde, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela; Ramón Penas e Francisco Penas, do comité organizador do 50º aniversario da SD Compostela; e o xerente de Área Central, Juan Carlos Losada.

Documentos relacionados



Compartir: