ECONOMÍA

Ábrese o prazo de inscrición para a acción formativa "A tormenta perfecta: meteoroloxía da creatividade"

20/04/2012 A Concellería de Economía abre o prazo de inscrición para o curso Tormenta perfecta: meteoroloxía da creatividade, acción formativa que se integra dentro do programa Santiago Investors Support, no que colaboran dez entidades empresariais. A inscrición pode facerse a través da páxina www.maiscompostela.org.

O curso ten por obxectivo ensinar técnicas efectivas de xeración de ideas consistentes, que gocen da frescura, orixinalidade e o resplandor preciso para cambiar a contorna corporativa e a sociedade na que se integran. Destínase a emprendedores, traballadores en activo e estudantes universitarios ou de formación profesional.

As temáticas que se tratarán no curso son as seguintes:
1. A actitude do pensador na era conceptual.
2. Isobaras brancas. Os fenómenos obxectivos.
3. Condensacións vermellas. Os fenómenos pasionais.
4. Nubes negras. Sinais de cautela.
5. As frechas amarelas. Aires positivos.
6. Liñas verdes. Contornos creativos.
7. Océanos azuis. As correntes organizativas.
8. Deseño e narración creativa.
9. Sinfonía e empatía nas actuacións creativas.
10. A creación. Un xogo consentido.
11. Exemplos aplicados de innovación e creatividade.
12. Técnicas creativas: máscaras, ideas animadas, burbullas de pensamento, provocacións, forcejeos, scamper e tormentas creativas.

Actividade Cersia Empresa
No Cersia empresa celebráronse na xornada do venres 20 distintos actos. Durante a mañá, o salón de actos acolleu a máis de 400 estudantes de secundaria que participaban na terceira xornada dos Espectáculos de Ciencia, actividade de divulgación científica organizada por Tecnopole, mentres que as aulas do edificio estiveron ocupadas con reunións de distintos colectivos profesionais. Para a tarde estaba prevista a xornada formativa Ordenamento da Formación Profesional en Galicia a cargo do José Luis Mira Lema, director xeral de Educación Formación Profesional e Innovación Educativa. Distintas actividades de formación en competencias profesionais e planificación de cultivos completaron a oferta semanal de actividades do edificio.

Compartir: