BENESTAR SOCIAL

O Concello pon en marcha unha campaña de recollida de cueiros para familias en situación de extrema necesidade

20/04/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, anunciou a posta en marcha da Operación Cueiro. Trátase de sensibilizar aos cidadáns para que, na medida das súas posibilidades, "doen paquetes de cueiros de diferentes tallas para familias en situación de extrema necesidade".

Paula Prado indicou que a campaña xorde ante a necesidade detectada entre moitas familias de cueiros e artigos de hixiene persoal, produtos que "son especialmente caros". A edil expresou a súa confianza na "solidariedade" dos composteláns e na resposta a esta campaña, tal como ten acontecido noutras ocasións.

Aqueles que queiran colaborar poderán depositar os paquetes de cueiros en calquera centro sociocultural –a edil agradeceu a colaboración do concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya-, na propia Concellería de Benestar Social, na Casa das Asociacións de Benestar Social e na UMAD. Os cueiros recollidos serán logo repartidos entre as familias polas traballadoras sociais. A Operación Cueiro tamén será difundida a través das redes sociais e das diversas entidades sociais.

Indicadores sociais
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para dar a coñecer algúns indicadores sobre a demanda de atención nos Servizos Sociais municipais. Así, explicou que, no primeiro trimestre de 2012, as consultas se incrementaron un 43,9% respecto ao mesmo período de 2011.

No municipio están rexistradas 1.529 persoas que perciben unha pensión non contributiva e, a 31 de decembro de 2011, eran 79 persoas as que percibían unha Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). A 31 de marzo de 2012 o número de perceptores baixara a 73. No primeiro trimestre de 2012 presentáronse 39 solicitudes de RISGA e, a día de hoxe, 49 solicitudes están pendentes de resolución.

Paula Prado expresou a súa preocupación por estas cifras e recordou que na Concellería hai persoas destinadas exclusivamente aos programa de inclusión social, actuando de nexo entre os servizos sociais e os de emprego. Tamén se están incrementando os contactos con empresas a fin de ofrecer formación específica e facilitar o acceso ao emprego, pero recoñeceu a dificultade do momento. Ademais, lembrou a "aquelas persoas que non son usuarias habituais dos servizos sociais, pero que están nun momento de dificultade" a posibilidade de poñerse en contacto cos Servizos Sociais.

Para facer fronte a determinadas necesidades, o Concello dispón dunha partida de 290.000 euros destinada ás denominadas Mapis, isto é, axudas de emerxencia social para cuestións como o aluguer, a manutención ou gastos extraordinarios, previo informe social. Ademais, a Concellería de Benestar Social vai duplicar nos orzamentos de 2012 a partida destinada ás entidades socias, que en moitas veces son as encargadas de atender a moitas destas persoas en situación de necesidade.

Documentos relacionados



Compartir: