COMERCIO

Os Premios do Comercio Compostelán recoñeceron o bo facer de seis establecementos da cidade

19/04/2012 O salón vermello do Concello acolleu o acto de entrega dos Premios do Comercio Compostelán na súas seis categorías: Comercio 2.0, Comercio Innovación, Comercio Emprega, Comercio Veterano, Comercio de Barrio e Comercio Agarimo. Os gañadores recibiron unha figura conmemorativa deseñada para a ocasión por Ana Serra García, de Media Lúa.

No seu primeiro acto protocolario como alcalde, Ángel Currás referiuse ao comercio como "motor económico e social da cidade", recordando que en Santiago, a 31 de decembro de 2012, conta con máis de 3.000 establecementos. Dos premiados, dixo que son "exemplo de dedicación e esforzo". A eles e a todos os comercios de Compostela animounos a incrementar a "creatividade e o empeño" nestes tempos nos que "hai que multiplicar esforzos".

O alcalde comprometeuse a traballar para crear as condicións máis favorables para a apertura de negocios. Esta intención foi tamén ratificada pola concelleira de Comercio, Reyes Leis, quen apuntou que os establecementos premiados son "exemplos fantásticos do que hai que facer polo comercio da cidade".

Os premios deste ano introduciron importantes cambios con respecto das edicións anteriores. En anos pasados recoñecíanse algúns comercios simplemente pola súa lonxevidade. Neste ano, e dado que a vida dun comercio ten diferentes dimensións, establecéronse seis categorías que pretendían recoñecer o traballo dos comerciantes en diferentes ámbitos. As categorías e premiadas foron:

- Comercio de Barrio: tivéronse en conta aqueles comercios que destacan pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador, por votación popular, foi: Tórculo Artes Gráficas. Recolleu o premio Ana Tembra.

- Comercio Agarimo: premiouse o comercio que sobresae pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta. Como pez en el agua foi o establecemento gañador, elixido tamén por votación popular. O galardón recibiuno Leonor Díaz.

- Comercio 2.0: valorouse a incorporación das novas tecnoloxías tanto no seu funcionamento diario coma na relación cos clientes (uso do comercio electrónico, redes sociais, sinatura electrónica, factura electrónica ou calquera outra medida de innovación empregada no ámbito comercial). David Tábora recolleu o galardón polo comercio gañador: Lasal Gourmet.

- Comercio Innovación: recoñecéronse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados. O comercio gañador foi: Pastelería Doce. Acudiu ao acto por este establecemento Miguel Gil.

- Comercio Emprega: valorouse a capacidade de xeración de empregos directos así como a procura da conciliación familiar e laboral dentro do pequeno comercio. O premio recolleuno Bernardo Nogueira, de Peluquería Bernardo Nogueira.

- Comercio Veterano: recoñeceuse o labor deses pequenos comercios familiares que desenrolan a súa labor dende fai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación os novos tempos. O comercio gañador foi Mercería Hermosinda Corzón. A propia Hermosinda Corcón recibiu o galardón.

O xurado estivo composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos. Os gañadores de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixíronse por votación popular a través de Internet.

Compartir: