PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Unha trintena de xogadores e xogadoras participaron en Cornes na sexta xornada da Liga Nacional de Billarda

19/04/2012 Celebrouse a carón da Casa das Asociacións de Cornes a sexta xornada da Liga Nacional de Billarda (LNB) na súa conferencia centro. O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, achegouse ata o recinto de xogo para observar as evolucións dos competidores neste deporte tradicional.

Unha trintena de xogadores e xogadoras de Compostela e doutros municipios como Sanxenxo, Oroso, O Pino, Trazo ou Bueu competiron na proba, a sexta dunha Liga que se disputa de setembro a maio. O gañador nesta ocasión foi Xan Rodiño (Bateas), mentres que o segundo e terceiro clasificado foron, respectivamente, Basilio, dos Trouleiros, e Mario Rodríguez, de Xogos Tradicionais. Dende que comezara a competición desta temporada 2011-2012, xa participaron 344 persoas nas diferentes conferencias.

Santiago está encadrada na conferencia centro da LNB, creada en outubro de 2009. Desde ese momento, a Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela participa cun equipo de billarda nesta liga. As xornadas da competición celébranse nos concellos de O Pino, Oroso, Trazo e Compostela. É unha liga aberta, ou sexa, en calquera xornada pode incorporarse un xogador ou xogadora e tamén calquera equipo novo.

O Campionato Galego 2012 vaise disputar tamén en Santiago, nas súas diferentes categorías de equipos, individual, varados e feminina. Nesta proba autonómica compiten 64 xogadores/as na categoría individual (os 12 primeiros clasificados de cada conferencia), 30 xogadoras na categoría feminina (as 6 primeiras clasificadas de cada conferencia), 25 xogadores/as na categoría de varados (que a billarda atravesa a liña do varal dun só golpe) e 60 xogadores/as na categoría de equipos. A cita é o 27 de maio.

Compartir: