CULTURA

Maika Makovski presenta en Compostela o seu novo disco, "Thank you for the boots"

19/04/2012 A mallorquina Maika Makovski presenta o venres 20 en Santiago de Compostela o seu último disco, recen saído, Thank you for the boots. Faino no Teatro Principal a partir das 21:00 horas e dentro do ciclo Íntimo&Acústico, organizado pola Concellería de Cultura. Makovski estará acompañada por Gentle Music Men, quen fai o seu concerto presentación en Galicia e no que presenta tamén o seu último traballo, Soño infinito.

Este concerto será a primeira oportunidade de escoitar en Galicia a Maika interpretar os temas do seu novo disco, que saíu á venda o 3 de abril e que se chama Thank you for the boots. Ademais, no concerto tamén poderemos escoitar algún tema do seu anterior álbum, Maika Makovski, así como de Desaparecer. Con cancións da exitosa produción teatral do mesmo nome, Desaparecer conta con doce composicións inspiradas nas obras de Edgar Allan Poe.

A carreira de Maika Makovski, mallorquina con sangue macedonia e andaluza, residente en Barcelona e Nova York, foi tan diversa como as súas raíces. Cantante, compositora, música, actriz e artista visual, gañou o seu primeiro recoñecemento profesional aos 15 anos e os seus primeiros premios no ano 2002, mesmo antes de lanzar o seu primeiro álbum. Os seus dous primeiros álbums, Kradiaw (2005, PAE) e Kraj para Koferot (2007, Wildpunk Records) foron aclamados pola crítica e presentados en directo por toda Europa; El Mundo chegou a proclamala como "a mellor artista feminina xurdida da escena do rock underground en anos".

En 2009, John Parish (produtor de PJ Harvey, Eels, Tracy Chapman...) convidou a Maika ao seu estudio de Bristol para gravar o seu terceiro álbum, Maika Makovski (2010, Outstanding Records), que conta con colaboracións de Jim Barr (Portishead) e Billy Fuller (Robert Plant). Acompañada da súa banda (David Martínez á batería, JC Luque ao baixo e a percusión e Oskar Benas á guitarra e coros) Maika levou de xira o álbum co que fixo vibrar ao público de Londres, Nova York, Chicago, Texas, Austin e toda España durante 2010/11.

Dani Poveda, cantante e compositor de Gentle Music Men, presenta as novas cancións do terceiro disco do grupo de Vilanova i la Geltrú. No verán do 2011 volveron ao estudio para gravar o seu terceiro disco, Soño infinito, á venda neste ano 2012. Dani ofrece unha preestrea deste novo material nesta xira con Maika Makovski.

Compartir: