CULTURA

O novo ciclo "Música de Cámara" programa seis concertos no Auditorio de Galicia

18/04/2012 O director xerente do auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou un novo ciclo da Concellería de Cultura, Música de Cámara. Fíxoo acompañado de Ramón Llátser, Alfredo Varela e Beatriz López, músicos da Real Filharmonía de Galicia e compoñentes das formacións que poderemos ver no ciclo.

En total son seis esas formacións que participarán no ciclo: Filhartrompía Quartet, Airas Ensemble, Sonatas á Italiana, Omega Brass Ensemble, Trío Pifa e Pamina Trío. Cada unha delas dará un concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia de abril a xuño a partir das 20:30 horas. As entradas, a 6 euros soltas, e 30 euros o abono para todo o ciclo, poden mercarse nas billeteiras do Teatro Principal de martes a sábado e nas do Auditorio os días do concerto.

O ciclo inaugúrase o 25 de abril con Filhartrompía Quartet, cuarteto de trompas formado por Alfredo Varela, Martín Naveira, Xavier Ramon e Jordi Ortega. Filhartrompía, que naceu no seo da Real Filharmonía de Galicia, ofreceu o seu primeiro concerto en xullo de 2007 no marco do Vía Stellae. No concerto deste ciclo presentan un programa con música de Rossini, Korsakov, Koetsier, Telemann, Pirchner e Pintos.

Xa en maio teremos tres concertos. O día 5 poderemos escoitar a Airas Ensemble con Julia Estévez, frauta; Roberto Baltar, óboe; Santiago López, fagot; Alfredo Varela, trompa; Beatriz López, clarinete; e Haruna Takebe, piano. Ofrécennos un programa de Poulenc, Dvorak, e Françaix. O 22 de maio é o día de Sonatas á Italiana, grupo de música barroca formado por Carolina Landriscini, violoncello; Carlos García Amigo, violoncello; e Diego Rojo Garrido, arquilaúde. O seu programa xira sobre a música para cello e laúde con obras de Gabrielli, Marcello, Piccinini, Bodin de Boismortier, Gallot e Vivaldi.

Pecha a programación de maio Omega Brass Ensemble, un dos proxectos musicais máis interesantes e inquedos dos últimos anos en Galicia. Esta formación nace en 2008, por iniciativa de cinco músicos profesionais, todos eles instrumentistas de vento-metal, coa intención de difundir e promocionar os instrumentos de vento-metal e a música para eles composta. No seu programa escoitaremos pezas de Mozart, Brotons, Machí, Crespo, Cebrián, Bernstein, Álvarez, Lewis e Matos.

Xa en xuño, o día 1, podemos gozar co Trío Pifa, formado pola soprano Begoña Salgueiro, a frautista Julia Estévez e a pianista Rasa Jakutyte, que nos ofrecen obras de Saint-Säens, Roussel, Ravel, Gaubert, Fauré, Verdi e Puccini. Pecha o ciclo Pamina Trío o 7 de xuño. O Pamina Trío é un dos grupos máis sobresalientes da súa xeración. Fundouse en 2004 da man da violinista xaponesa Ikuko Kitakado, a clarinetista española Beatriz López e a pianista xaponesa Keiko Hattori en Salzburgo (Austria) e ofrecen un programa de Stravinski, Ustvolskaja e Bartok.

Direcciones relacionadas



Compartir: