ALCALDÍA

A área de Cultura pasa a depender do alcalde

18/04/2012 Ángel Currás ofreceu a súa primeira rolda de prensa como alcalde. Na mesma anunciou os primeiros cambios na estrutura do Goberno, que afectan fundamentalmente ás áreas que el mesmo tiña ata agora como concelleiro. Así, Cultura pasará a depender directamente de Alcaldía, mentres que os departamentos de Educación e de Normalización Lingüística serán asumidos pola nova concelleira Rebeca Domínguez.

"Cando algo funciona, mellor cambiar o mínimo", indicou o alcalde a propósito dunha estrutura do Goberno municipal que "continúa practicamente na súa totalidade". Non obstante, a área de Cultura dependerá organicamente da Alcaldía, xa que, segundo Ángel Currás, "sempre consideramos que esta é unha área estratéxica".

Os departamentos de Educación e Normalización Lingüística terán como responsable á Rebeca Domínguez, cando esta tome posesión como concelleira. Como trámite preceptivo para solicitar a incorporación da nova edil, o venres 20, ás 11:00 horas, celebrarase un Pleno extraordinario para dar conta da dimisión como concelleiro de Xerardo Conde Roa.

Outra das responsabilidades que exercía Currás, como primeiro tenente de alcalde, pasa á concelleira Reyes Leis. Mantense como segunda tenente de alcalde Amelia González e, como voceira do grupo de Goberno, Paula Prado. Tamén permanecen os mesmos cargos de confianza e apoio, coa excepción do Gabinete da Alcaldía, que terá novo responsable.

Axilización dos novos orzamentos
Sobre as súas primeiras horas como alcalde, Ángel Currás cualificounas como "moi intensas, xa que hai que tomar decisións rápidas e poñerse ao día de moitos temas". Así e como prioridade, fixou a "axilización o máximo posible" da aprobación da liquidación de 2011 e dos orzamentos para 2012. E en relación ás directrices básicas do programa, considerou "ilóxico cambiar un programa de goberno no que levamos traballando catro anos".

A preguntas dos xornalistas, o rexedor municipal referiuse a algúns proxectos concretos prioritarios. Neste sentido, expresou o seu desexo de que a unión da Cidade da Cultura coa autopista AP-9 e desta coa autovía a Lavacolla "se retome cunha viabilidade clara", co obxectivo de converte o complexo do Gaiás na "auténtica Cidade da Cultura de Galicia". Tamén en materia de infraestruturas, manifestou o seu apoio á chegada do AVE ao aeroporto de Lavacolla. "É a mellor solución e unha aposta de futuro de gran calado; outra cousa é que sexa viable nun prazo breve", dixo. Sobre estas e outras cuestións agarda poder falar en breve coa ministra de Fomento, Ana Pastor, durante a visita a Santiago que esta ten comprometida e que cualificou como "fundamental".

No eido cultural, mantén a súa aposta pola recuperación da Sala Yago, pendente aínda dunha reunión cos propietarios do inmoble. Igualmente, quere recuperar como espazo básico de programación cultural o Auditorio Novagalicia Banco, agora sen actividade.

Finalmente, o novo alcalde agradeceu as felicitacións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen o chamou dende México. "Del recibín o seu compromiso comigo e con Santiago", concluíu.

Compartir: