MEDIO AMBIENTE

O Concello duplicará o número de hortas urbanas a disposición dos cidadáns

18/04/2012 A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, anunciou a posta a disposición dos cidadáns de 50 novas hortas urbanas en Fontiñas. Estas superficies de cultivo sumaríanse ás dispoñibles en Belvís, aumentando case un 100% o número de hortas existentes na actualidade. Ademais, de haber demanda, o Concello contempla a posibilidade doutra área de hortas en Pontepedriña.

María Castelao explicou que estas novas 50 hortas estarán no polígono 4 de Fontiñas, nunha parcela de 2.000 metros cadrados situada entre os Concheiros e a rúa Londres destinada a zona verde. Os 1.500 metros útiles serán acondicionados para estas hortas urbanas, sen ningún custo para o Concello, xa que irían a cargo da urbanización do devandito polígono residencial.

Estas hortas poderían estar en funcionamento no prazo dun mes. Non obstante, a concelleira indicou que vai explicar este proxecto aos veciños a fin de contar coa súa aceptación. En calquera caso, cre que haberá boa disposición, xa que estas hortas urbanas son moi demandadas. Así, puxo como exemplo as últimas 30 de Belvís postas en concurso (en total hai 59 nesta zona), para as que houbo máis de 100 solicitudes. As concesións de uso destas hortas outorgaranse segundo a ordenanza existente, coas preferencias para xubilados e veciños do entorno.

Xa cara o medio prazo, de existir demanda, o Concello proxecta outra zona de hortas urbanas en Pontepedriña. Neste caso habilitaríase unha parcela de 15.000 metros cadrados, a carón da rúa Clara Campoamor. Aquí, iríanse poñendo a disposición dos cidadáns, en varias fases, ata un total de 200 hortas.

Compartir: