CULTURA

Abraham Boba en concerto na Zona "C" dentro do ciclo Íntimo&Acústico

17/04/2012 Continúa en Compostela o ciclo Íntimo&Acústico e dentro del chega o vigués Abraham Boba. Dará un concerto o mércores 18, na Zona "C" de Bonaval, a partir das 22:30 horas. As entradas para este concerto, a 6 euros anticipada e 8 euros o propio día, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal e tamén na da Zona "C". Íntimo&Acústico ofrece, despois deste concerto de Boba, os de Maika Makovski+Gentle Music Men, Mónica de Nut Trío, Abe Rábade Trío, Sumrrá, Ariel Rot e aCadaCanto.

De todos os músicos de orixe viguesa xurdidos no últimos dez anos, David Cobas (chamado Abraham Boba) é sen dúbida un dos máis relevantes. Con todo, o feito de que desenvolvese integramente a súa carreira lonxe da súa cidade natal fixo que moitos en Galicia non sexan conscientes da importancia da súa figura. Porque o que ninguén dubida xa en Madrid ou Barcelona é que estamos ante un personaxe fundamental na escena musical do noso país, polo seu traballo con Nacho Vegas e outros músicos (Julio de la Rosa, Aaron Thomas), pero, sobre todo, por publicar en a penas cinco anos tres discos inmensos.

Antóllase difícil buscar referentes por estes lares para explicar a súa proposta e habería que recorrer a Leonard Cohen, Tindersticks, Nick Cave ou Eric Satie para describir dunha maneira máis certeira a súa forma de aproximarse á composición de cancións.

Pero se en disco Abraham Boba encandila, en directo deslumbra. Moi poucos músicos son capaces de ofrecer un espectáculo tan sólido encima dun escenario. Será un concerto moi especial, antes de que se encerre a preparar a continuación do seu aclamado Los días del desierto (Limbo Starr, 2011), que lle levou á portada da revista Go-Mag e co que xirou ao longo e ancho do noso país.

Compartir: